Site icon Crónica3.com A Mariña

A Agrupación Cultural Francisco Lanza presenta unha edición facsímile do “Ribadeo Antiguo” de Francisco Lanza

Ribadeo, 26 de agosto, 2024. A Agrupación Cultural Francisco Lanza presenta unha edición facsímile do “Ribadeo Antiguo” de Francisco Lanza. Será este xoves, 29 de agosto, ás 20,30h, na Biblioteca El Viejo Pancho, de Ribadeo. Participarán o cronista oficial de Ribadeo, e expresidente desta agrupación, Eduardo Gutiérrez Fernández, un representante da Editora Gráficas Lar, de Viveiro, o Deputado provincial da Mariña, Daniel García Fernández, e o presidente da agrupación Cultural francisco lanza, Farruco Graña.

SOBRE O AUTOR

(tomado da Galipedia: https://gl.wikipedia.org/wiki/Francisco_Lanza
Francisco Lanza (26-3-1892; Ove, Ribadeo/14-1-1951; Buenos Aires) foi un xornalista e escritor galego de conviccións republicanas e galeguista. Cursou os seus estudos en Ribadeo. Colaborou con Celestino Pérez Andrade e Camilo Cancio Quindós en La Voz del Pueblo e en 1912 en El Eco Mercantil. Foi un dos impulsores do Ateneo de Ribadeo en 1915. Fundou en 1919 o semanario local La Comarca (aínda hoxe en circulación), de tendencias liberais e progresistas, no que escribiu, ó parecer en colaboración co seu sogro Celestino Pérez Andrade, numerosos artigos baixo os pseudónimos de El Montañés e Un labrador gallego. Estes artigos eran de tal dureza que Celestino tivo que ausentarse da vila en numerosas ocasións por perigo da súa integridade.

En 1927 comezou a súa relación co Seminario de Estudos Galegos, no que entrou en 1929 co seu traballo ‘Ribadeo bajo el señorío de sus condes’, formando parte das seccións de xeografía e de historia. Colaborou na revista Nós e no Boletín da Real Academia Galega, onde publicou diversos traballos históricos e etnográficos sobre Ribadeo. Tamén colaborou en Faro de Vigo e El Sol (Madrid).

En 1931 emigrou a Buenos Aires, incorporouse á comisión de prensa de Galicia e traballou en diversos periódicos e publicacións ata o momento da súa morte. Entre outras obras, durante a súa estancia na Arxentina, traballou como tradutor (José Maria Eça de Queirós, Immanuel Kant) para a editorial Sopena Argentina, asinando como F. L. Álvarez.

Á súa morte foi soterrado no cemiterio de La Chacarita. A Agrupación Cultural Francisco Lanza fundouse en Ribadeo ós vinte anos do seu pasamento. Unha das rúas ribadenses leva o seu nome.

OBRA

Ribadeo antiguo: noticias y documentos (Madrid, 1933; reeditado por Ediciós do Castro en 1973 e logo polo concello de Ribadeo en 1999).

Falan os de Ribadeo (publicado en Nós en 1933, nn. 114, 116 e 118) (reeditado pola Agrupación Cultural Francisco Lanza e Ediciós do Castro en 1974, o Día das Letras Galegas). Recolle tres traballos, o primeiro, que dá nome o volume, foi publicado na revista Nós en 1932. O segundo, ‘O ensino en Ribadeo dende o século XVI ó XIX’ tamén foi publicado en Nós en 1932. O terceiro, ‘Ribadeo, baixo o señorío dos seus condes’ publicárase no segundo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos en 1929. A súa edición de 1974 foi prologada por Eduardo Gutiérrez Fernández.

Dos mil nombres gallegos (Ediciones Galicia, Centro Gallego de Buenos Aires, 1953).

SOBRE A EDICIÓN FACSÍMILE

A idea de editar unha edición facsímile do “Ribadeo Antiguo”, de Francisco Lanza, partiu dunha proposta da Agrupación Cultural Francisco Lanza, despois de termos escoitado en moitas ocasións as suxestións feitas por parte das librarías ribadenses (transmisoras das peticións das e dos lectores). Cremos que as novas xeracións, e calquera persoa que se estableza en Ribadeo, ou sinta curiosidade pola súa historia, ben merece poder facerse cun exemplar de tan significativo texto para a historia de Ribadeo.

A diferencia deste proxecto con respecto á última edición consiste en manter a esencia daquela impresión do ano 33, impresión e maquetación feita nos talleres da imprenta Mercurio, cun traballo tipográfico digno de amosar, e acompañado dos grabados de Amando Suarez Couto. A edicion facsímile é a que nos permite garantir esa fidelidade. Para manter a esencia da vella publicación escollemos unha gama de papel Arena Rough Ivory (a non ser as achegas iniciais para conmemorarmos esta nova edición). O libro foi entapado en formato rústico.

CHAMAMENTO ÁS NOVAS XERACIÓNS E ÁS XENTES QUE AMAN A HISTORIA LOCAL

Agardamos que xente nova poida atopar neste texto (en capítulos breves e de lectura doada) un feixe inmenso de historias coas que aprender do noso pasado, pero tamén coas que botar a voar a imaxinación para encheren de contido os seus murais, as súas composicións musicais, as súas curtametraxes, vídeo-xogos…

Tamén agardamos que todas aquelas persoas que pouco a pouco van desenvolvendo o seu proxecto vital en Ribadeo e na contorna poidan atopar nestas páxinas un referente que lles permita comprender un pouco máis de onde vimos para así podermos reflexionar máis a fondo cara a onde queremos camiñar.

PALABRAS DE PABLO PÉREZ FERNÁNDEZ, DE LAR LIBROS

“Desde libros LAR, a editorial que nace en Gráficas LAR, lanzámonos á aventura de reeditar o “Ribadeo antiguo”, de Francisco Lanza, despois de propoñérnolo a Agrupación Cultural ribadense que leva o seu nome. Esta imprenta viveirense leva máis de 40 anos no mundo das artes gráficas. O seu vínculo coas letras ribadenses, coas da Mariña en xeral, está máis que constatado. Daniel Cortezón ou Suso Peña son dous bos exemplos. Toca agora poñer en valor a figura de Francisco Lanza e o seu “Ribadeo antiguo”. Agardamos que con esta reedición se vexa satisfeita a demanda de novos exemplares que as librerías ribadenses notan desde hai anos”.

PALABRAS DO DEPUTADO PROVINCIAL DANIEL GARCÍA FERNÁNDEZ

“Convidamos a asistir este xoves á presentación do libro “Ribadeo Antigo”, unha reedición que recupera a publicación orixinal, dos anos 30, e que nos achega aos case oito séculos de historia de Ribadeo a través dos ollos do seu autor, Francisco Lanza.

Desde a Vicepresidencia da Deputación estamos moi satisfeitos de contribuír, a través do Servizo de Publicacións, a rescatar esta versión primixenia e valorizar a figura de Francisco Lanza”.

Exit mobile version