E houbo outro tempo que veu como todas estas propostas eran asoballadas, asolagadas en sangue, reprimidas e esquecidas…E tan só se podía representar, escribir, cantar ou tocar o que o novo réxime salvador das Hespañas quixera…
A música silenciada é parte da historia dese tempo…e do noso.
A música silenciada é unha foliada de memoria para lembrar a tanta xente que, comprometida cuns ideais políticos de liberdade, igualdade, fraternidade e solidariedade, veu como a violencia dun golpe militar prendía lume a todo o que ulira a expresión ceibe do pobo.
José Luis do Pico Orjais, músico e docente, de seguro vainos dar moitos exemplos do que tivo acontecido na represión dos músicos e da música galega que estaba a conseguires o seu sitio polo seu propio valor. Represión que nos levou a transitares durante anos os camiños do folclorismo ata que un novo rexurdimento abriunos de novo os ouvidos sen esquecer aos que mantiveron o pavillón ergueito.
Vaia por todas eles e elas este acto a celebrar o venres 23 de agosto ás 6 da tarde no Centro Sociocomunitario de O Barqueiro dentro das XIV Xornadas Memoria dun Tempo.