Foz, 8 de agosto, 2024. Elias String Quartet, un dos grandes cuartetos de Europa con máis de 25 anos de traxectoria, protagonizou a extraordinaria apertura do ‘XI Festival Bal y Gay’ este xoves 8 de agosto no Pazo do Conde de Fontao de Foz con todas as entradas esgotadas. Foi delicioso escoitarlles abordar obras de Haydn, Stravinsky e Schubert. Sara Bitlloch, Donald Grant (violíns); Simone van der Giessen (viola); e Marie Bitlloch (violoncelo) sobresaíron pola súa frescura, intensidade e a aparente espontaneidade das súas interpretacións, que conquistaron salas tan importantes a nivel internacional como o Carnegie Hall en Nova York, o Musikverein en Viena, o Konzerthaus en Berlín ou o Concertgebouw en Amsterdam.
Foi o primeiro dos 12 destacados concertos previstos ata o 23 de agosto no festival, referente en España por ofrecer a mellor música clásica do mundo en fermosos escenarios patrimoniais da comarca da Mariña desde 2014. O violinista armenio Sergey Khachatryan, admirado no mundo pola interpretación do seu instrumento, chegará hoxe 9 de agosto para tocar no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo (20:30) con todas as entradas esgotadas. Brindará, xunto á pianista Lusine Khachatryan, un concerto dedicado a Luisa Villalta, figura homenaxeada no Día dás Letras Galegas 2024. Khachatryan renderá tributo á filóloga, poeta, dramaturga, profesora e violinista coruñesa nunha actuación cuxo repertorio conterá pezas de Franck, Bagdasarian, Chausson e Ravel.