Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares enxalza a calidade e sabor dos produtos do mar galegos na nova edición da Festa do Percebe de Xove

Xove, 20 de xullo de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiu a nova edición da Festa do Percebe de Xove, onde enxalzou a calidade e sabor dos produtos do mar galegos. O responsable autonómico puxo en valor a ampla traxectoria desta cita gastronómica, recoñecida de Interese Turístico Galego, que cumpre a súa décimo primeira edición, despois de ser recuperada en 2022 tras un parón de dous anos causados pola pandemia. Ademais, mediante a lectura do pregón inaugural, Villares resaltou o importante papel que xogan este tipo de eventos na promoción dos produtos pesqueiros entre a cidadanía incentivando o seu consumo e a difusión das súas propiedades culinarias e nutricionais.

A carpa central instalada na praza do Concello será o epicentro desta festa e o produto a servir procede das lonxas da zona, onde se venden os máis grandes e mellores percebes dos cantís da Mariña e Ortegal. Ademais das degustacións, tamén hai programadas actividades culturais e divulgativas entorno á figura do percebeiro, engadindo á manifestación culinaria as tradicións e os coñecementos que viran ao redor dun oficio único con obradoiros para os máis pequenos, charangas e teatro.

Exit mobile version