Site icon Crónica3.com A Mariña

Últimas entradas á venda para o ‘festival Bal y Gay’, que celebrará a súa undécima edición do 8 ao 23 de agosto

A Mariña, 16 de xullo, 2024. O ‘Festival Bal y Gay’, referente en España por ofrecer a mellor música clásica do mundo en fermosos escenarios patrimoniais da comarca da Mariña desde 2014, celebrará a súa undécima edición do 8 ao 23 de agosto e xa esgotou as entradas para 8 dos seus 12 concertos: Elias String Quartet, Sergey Kachatryan, Nereydas, Martín García García, Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias (OSPA), Katharina Konradi con Cosmos Quartet, Cosmos Quartet e Orquestra Sinfónica de Galicia. Por tanto, aínda quedan entradas á venda para os 4 concertos que completan a programación: Nereydas o día 10 de agosto na Igrexa de San Francisco de Viveiro, Musica Ficta o día 14 na Igrexa de Santiago de Foz, Ruth Iniesta xunto a Javier Carmena o día 16 no Auditorio da Casa da Cultura de Burela e André Cebrián con Pedro Mateo González o día 21 no Auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao en Cervo. Os prezos oscilan entre os 16 e os 20 euros, alcanzables para poder gozar nestes catro casos de prestixiosos artistas españois con repercusión internacional.

LOCALIDADES AÍNDA DISPOÑIBLES PARA NEREYDAS, MUSICA FICTA OU RUTH INIESTA

O prolífico director toledano Javier Ulises Illán e Nereydas, grupo instrumental e vogal de referencia en España na divulgación do patrimonio musical historicista, esgotou as entradas para o seu concerto do día 11 no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, pero aínda hai localidades dispoñibles para o día 10 na Igrexa de San Francisco de Viveiro (20:30). Entregarán un programa composto por obras de Haendel e Vivaldi. Esta agrupación innovadora e orixinal desde 2010 presentouse en escenarios tan relevantes como o Teatro Real ou o Festival de Versalles (Francia).

Musica Ficta, un dos grupos españois renovadores na interpretación da música antiga desde 1992, actuará o 14 de agosto na Igrexa de Santiago de Foz (21:00) para interpretar o seu proxecto ‘Columbus: A Porta do Novo Mundo’. Obras virreinales dos séculos XVI e XVII a cargo da formación dirixida polo percusionista Raúl Mallavibarrena, cuxa traxectoria internacional está encomiada por múltiples presenzas en países de Europa, Asia e América.

A soprano Ruth Iniesta, unha das voces máis relevantes da lírica española e recente Premio Talía 2024 á Mellor Intérprete Feminina de Lírica, formará parte do cartel do ‘XI Festival Bal y Gay’ co seu recital do 16 de agosto no Auditorio da Casa da Cultura de Burela (20:30) xunto ao pianista madrileño Javier Carmena. Habitual nos grandes teatros internacionais, a cantante aragonesa expoñerá un repertorio moi español cunha selección de tonadillas e zarzuelas.

O dúo formado por André Cebrián e Pedro Mateo González acudirá o 21 de agosto ao Auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao en Cervo (20:30) con obras de Castenuovo-Tedesco, Brouwer, Gasull, Takemitsu e Piazzolla. Cebrián, flautista santiagués solista da Scottish Chamber Orchestra e integrante de Azar Ensemble, e González, guitarrista abulense con dilatada experiencia internacional, iniciaron este proxecto conxunto en 2015.

O FESTIVAL, UN REFERENTE DA MÚSICA CLÁSICA EN ESPAÑA POLO SEU MODELO ÚNICO

Uns cursos de clarinete en Nos -parroquia de Foz con menos de 500 habitantes- foron o xerme do ‘Festival Bal y Gay’, actual referente da música clásica en España que converteu á Mariña en epicentro nacional con concertos de calidade exquisita, equiparables aos de calquera sala internacional, en escenarios únicos para un público que esgota as entradas. A música comparte protagonismo coa historia, o patrimonio, a paisaxe ou a gastronomía da Mariña, destino cultural agora de referencia en Galicia e en España con esta ‘experiencia 360’. O festival nace en 2014 como iniciativa da Asociación Xesús Bal y Gay, agora Fundación Xesús Bal y Gay, para facer accesible a música clásica a todos os públicos, democratizando e descentralizando a cultura.

Exit mobile version