Riotorto, 3 de xullo, 2024. Riotorto celebra esta fin de semana a festa do San Cristóbal coa tradicional bendición de vehículos na Praza das Rodrigas, que cada ano convoca a centenares de condutores e condutoras de toda a provincia.
O desfile de camións, turismos e motocicletas en busca de protección e seguridade nas estradas, dá continuidade a un rito popular que se mantén desde comezos dos anos sesenta, cando a iniciaron un grupo de chóferes do municipio.
A consagración de vehículos será o sábado –6 de xullo- tras a misa e a procesión, que se celebrarán a partir das 13.30 horas. Ademais de manter esta tradición, a Comisión de Festas apostou nesta ocasión por darlle un impulso á festa con dous días de verbena. O prato forte será a actuación da orquestra Panorama, o venres -5 de xullo – na explanada a carón do colexio e da piscina municipal.
Os membros da Comisión – Iván Castañal González, Generoso Cortón Moirón, Manuel Méndez Moirón, Pablo Pumar Alonso e Iago Fiallega Salgado- agardan que a presenza da orquestra de moda, que arrastra seguidoras e seguidores de toda Galicia, traia a Riotorto moita xente, e especialmente, público mozo.
A contratación da Panorama é un reto para un concello con pouca poboación e un
orzamento normalmente modesto para a celebración das festas que os membros da
Comisión lograron cumprir tras máis de dous anos de traballo, recadando fondos noutras
citas festivas e deportivas e coa organización de comidas populares.
A Comisión agradece a colaboración das veciñas e veciños e dos preto 50 negocios do
concello e tamén dos arredores que contribuíron ao financiamento da festa.
PROGRAMA
Venres 5 de xullo
22.00 horas. Cea popular no pavillón polideportivo (Tickets dispoñibles nos establecementos de Riotorto ata mércores 3)
23. 30 Verbena, coa actuacións de DJ Pedro Muñoz e da orquestra Panorama
Sábado 6 de xullo
13.30 horas. Misa, procesión e bendición de vehículos na Praza das Rodrigas. A
continuación, sesión vermú co Dúo Belinda
19.30 horas. Actuación da charanga Eravisto, coa colaboración da área de Cultura da
Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
23.30 Verbena, co Dúo Belinda e a orquestra Principal.