Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo rendeulle homenaxe ao Viejo Pancho

Ribadeo, 28 de xullo de 2024. Ribadeo rendeulle homenaxe ao Viejo Pancho cunha ofrenda floral que tivo lugar esta mañá na Praza de España, a carón do busto do poeta gauchesco uruguaio nado neste concello.

Coa lectura de poemas, a música das gaitas de Follas Novas, e as intervencións do alcalde ribadense, Dani Vega, e do cónsul de Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez, desenvolveuse a ofrenda floral na que foron depositadas unha coroa e un ramo de flores. Por parte da Xunta de Galicia asistiu a directora territorial de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López. Concelleir@s da Corporación Municipal de Ribadeo, así como representantes do mundo da cultura, veciñas e veciños ribadenses seguiron de preto a devandita ofrenda.

A continuación tivo lugar unha eucaristía na igrexa parroquial de Ribadeo e despois no Concello a presentación do libro “El Viejo Pancho. Antoloxgía poética bilingüe”, con introdución de Gustavo San Román e tradución feita por Daniel Chapela, Belén Senín e Armando Requeixo do Centro Ramón Piñeiro, dependente da Consellería de Cultura.

Así remataron os actos de conmemoración do centenario do pasamento do Viejo Pancho, que deron comezo na xornada de onte coa representación de “El rigor de las desdichas, juguete cómico en un acto y en verso” a cargo do Grupo de Teatro de Ribadeo no auditorio municipal. Trátase dunha obra que foi escrita por El Viejo Pancho en 1878 e impresa na súa propia imprenta. Tamén onte o Cine Teatro acolleu unha actuación de Toxo Guayaba.

Ademais o Concello de Ribadeo presentou hai uns días a páxina web elviejopancho.org coa biografía, imaxes e moita información sobre o homenaxeado. A web foi financiada pola Secretaría Xeral de Emigración.

Exit mobile version