Ribadeo, 22 de xullo de 2024. Ribadeo inicia unha colaboración coa asociación Down de Lugo para promover un foro de análise. O colectivo contará cunha subvención nominativa do Concello, segundo deu a coñecer hoxe o alcalde, Dani Vega.
O rexedor explicou que “Ribadeo acolleu un encontro coa asociación Down Lugo, que para nós é importantísima, con implantación a nivel provincial e que se fixou en Ribadeo para iniciar proxectos de futuro”.
Vega indicou que “foi un encontro que se celebrou en primeiro lugar no Concello, onde lles demos a benvida a todos os asistentes e despois tamén acudiron ó centro de Pedro Murias, onde puideron disfrutar primeiro dunha comida e despois de actividades. En definitiva disfrutaron do Ribadeo que queremos todos”.
O alcalde contou que “levamos tempo traballando para iniciar proxectos e un camiño xuntos. E en primeiro lugar anunciamos que no presuposto do 2025 vai haber unha colaboración, é dicir unha subvención nominativa, para esta asociación. Polo tanto seguimos incrementando unha aposta decidida polos servizos sociais, pola colaboración con asociacións que están cumprindo un traballo fundamental para abrazar e para valorar á persoa. E dende logo nós vamos estar sempre con eles colaborando”.
Dani Vega dixo que “con este anuncio desa subvención nominativa convertémonos no primeiro concello da Mariña en colaborar coa asociación Down de Lugo. E tamén vamos iniciar un traballo conxunto para que Ribadeo se converta nesa sede dun foro de análise de propostas para mellorar. Polo tanto a asociación Down Lugo e o Concello de Ribadeo van preparar un foro de debate e de propostas para seguir avanzando nesta materia”.
Para o rexedor “son dúas propostas moi serias, moi concretas e tamén iniciamos conversacións para valorar distintas ideas e vamos darlles o encaixe legal para que sexa así posible realizalas. E dende logo seguir neste espírito de colaboración, de axuda, cunha asociación que desde o noso punto de vista é prioritaria na provincia de Lugo. Valorar e apostar pola persoa, iso é o importante”.