O alcalde, Dani Vega, contou que “hoxe tivo lugar a Mesa Local de Comercio, na que participamos como goberno, tamén membros da oposición, Acisa e, por primeira vez, tamén participou o director xeral de Comercio.Eu creo que é moi importante ter estas reunións. Evidentemente apróbanse certas cuestións que van na orde do día, pero aparte diso fálase de cousas fundamentais para o futuro”.
O rexedor explicou que “nesa Mesa Local de Comercio concretouse en primeiro lugar unha axuda de 9.500 euros para os praceiros da Praza de Abastos. E partir de aí tamén vai haber unha solicitude dunha subvención por parte do Concello para ir preparando e modernizando a nosa Praza de Abastos”.
Vega subliñou que “en segundo lugar concretouse o convenio de colaboración entre a Dirección Xeral de Comercio, da Xunta de Galicia, e o Concello de Ribadeo, de 50.000 euros. Aí vamos empezar, como xa se aprobou no pleno da corporación municipal anterior, esa colaboración para o incremento no orzamento da Pancha; pasamos de 65.000 a 85.000 euros de presuposto. Polo tanto é un incremento de 20.000 euros, que todos os veciños e visitantes, todos aqueles que consuman e compren no comercio local van ter máis axuda que en anos anteriores. E tamén con ese orzamento de 50.000 euros vamos traballar na dixitalización e na dinamización do comercio”.
O alcalde fixo unha valoración positivo desta xornada de traballo: “polo tanto foi unha reunión produtiva, na que tamén falamos de cousas estratéxicas para o futuro, como é o comercio de calidade; as prazas de abastos, que tamén están nesa estratexia de excelencia de produtos e de traballo e profesionalización. Polo tanto, unha reunión positiva na que resaltamos ese primeiro convenio coa Xunta de Galicia en comercio de 50.000 euros. E a partir de aí seguiremos traballando e xestionando”.