No marco da campaña de loita iniciada pola sección sindical da CIG na empresa
Logo do último proceso de eleccións sindicais na empresa, no que a CIG acadou a maioría no comité, as delegadas e delegados apostaron por iniciar unha campaña de mobilizacións para enfrontar a precariedade laboral derivada, entre outras cuestións, da política de non cobertura de ausencias que practica a empresa. A falta de contratación para cubrir o persoal que está de vacacións ou de baixa provoca que o resto das compañeiras e compañeiros teña que asumir unha carga de traballo insoportábel que acaba repercutíndolles na súa saúde física e mental.
A isto engádense as presións para que as traballadoras acurten o tempo da baixas, a non regularización das categorías laborais ou unhas condicións salariais e sociais máis precarias que as que ten o persoal do sector doutras provincias. Porén, malia os intentos da representación sindical para acadar solucións, as negociacións coa empresa apenas avanzan.
A empresa xera un problema onde había consenso
Aínda peor, denuncia Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña. “Gadis cancelou a xuntanza co comité programada para o 3 de xullo e iniciou un período de consultas para modificar os cadros de quendas e meter xornadas partidas onde tiña xornadas intensivas”, empeorando así os horarios de traballo e “creando un problema onde non o había, xa que existía consenso en todas as tendas cos cadrantes marcados”.
Para Paz esta é unha manobra da compañía para pór as traballadoras/es en contra do comité e rebentar calquera intento de mellorar as condicións laborais. Diante disto, as delegadas da CIG comezaron unha campaña de recollida de sinaturas entre todo o cadro de persoal de Gadis e Cash Ifa na provincia de Lugo e en apenas unha semana xa recolleron preto de 500 sinaturas das 800 traballadoras e traballadores que ten a empresa na provincia de Lugo.
O comité está a espera agora de que a empresa sinale nova data de xuntanza para facerlle entrega destas sinaturas e reclamarlle que cese no seu intento de modificar os cadrantes a peor.
Avanzar na equiparación de condicións
Con esta campaña de mobilizacións, que tamén se desenvolven en Froiz, a outra empresa que controla xunto con Gadis o convenio colectivo, a CIG tamén pretende impulsar a apertura dunha mesa de negociación para avanzar na equiparación salarial e reducir a fenda que hai entre os soldos que perciben as traballadoras e traballadores de Lugo con respecto ao persoal do comercio de alimentación doutras provincias. Esta era unha demanda que a CIG defendeu na negociación do convenio provincial, frustrada pola “traizón de UGT e USO”.