Burela, 10 de xullo, 2024. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela organizou este mércores 10 de xullo unha nova xornada sobre innovación e tecnoloxía na pesca, que tivo lugar no salón de actos de ABSA, no porto de Burela, e na que estivo representada máis da metade da frota local.
Durante toda a mañá tratáronse os principais retos en innovación e modernización do sector pesqueiro, como a observación electrónica a bordo, medidas de mitigación ou comunicacións satelitais e intelixencia artificial no entorno pesqueiro.
A xornada abriuse coa intervención do director xeral de Pesca e Innovación Tecnolóxica da Xunta Galicia, Antonio Basanta, que analizou os principais retos da pesca galega relacionados co desenvolvemento tecnolóxico, a revisión da política pesqueira común e a substitución xeracional.
Tamén anunciou as súas previsións en canto ás axudas á modernización da frota, que arrincan con atraso respecto a anos anteriores con motivo do novo fondo do FEMPA. A súa previsión é que saian publicadas nos próximos días de xullo e que se presentarán en cinco liñas de actuación, cun mellor aproveitamento dos fondos para todo o sector pesqueiro galego.
A continuación, Jorge Pérez Bouzada, director comercial de Marine Instruments, falou sobre “A observación electrónica a bordo como modelo de xestión pesqueira integrada”, dentro dunha “viaxe de innovación” xunto ao sector pesqueiro. Presentou exemplos da tecnoloxía xa dispoñible, con mellor conectividade e integrados en software de xestión pesqueira. Explicou o sistema de monitorización a bordo, así como as vantaxes competitivas da observación electrónica para a recollida de datos e defensa dos argumentos sectoriais, cunha tecnoloxía xa madura e as ferramentas en mellora da conectividade a bordo.
No segundo bloque da xornada, Paulo Lago Barreiro, técnico do programa mariño de SÉ-BirdLife, presentou os traballos en innovación realizados coa frota de palangre de superficie da OPP Burela durante o último ano: “Exemplo de proceso innovador en deseñar medidas artesanais de mitigación para evitar as capturas de aves”, explicando un deseño innovador de liñas espantallos que se poden construír a bordo do buque con materiais dispoñibles nos barcos. Este caso non se trata dun proceso de tecnoloxía, pero si dunha innovación moi práctica a bordo.
Na parte final do evento, a través da presentación “Retos e oportunidades das comunicacións satelitales e Intelixencia artificial no entorno pesqueiro”, o director xeral de Nautical, Carmelo Zabala Arbulu, centrouse nos exemplos de nova tecnoloxía dispoñibles en comunicacións satelitais e intelixencia artificial dispoñibles. Nos dous últimos anos desenvolvéronse verdadeiras revolucións nas comunicacións, tanto por prestacións como por modelo de negocio, con mellores servizos dispoñibles para a xestión pesqueira, conexións e aplicacións cada vez máis completas para o sector.
O conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, encargouse da clausura da xornada, na que agradeceu ao sector pesqueiro local o seu labor e presentou á OPP Porto de Burela como exemplo de boas prácticas e de respecto ao mar, destacando a súa defensa da pesca sostible e lembrando a súa recente experiencia conxunta en Luxemburgo durante a defensa do palangre demersal ante o veto da Comisión EU á pesca de fondo.
O conselleiro do Mar asegurou que este tipo de xornadas é o mellor exemplo para afrontar os retos da Galicia pesqueira, onde todos xuntos deben traballar para poñer en valor a actividade e a achega da proteína máis sa que existe.
Esta acción está cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.