Site icon Crónica3.com A Mariña

O XXIV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira celebrarase en Xermade os días 20, 21 e 22 de setembro

Na programación deste ano incluiranse demostracións de profesionais de recoñecido prestixio internacional como a británica Helen Bailey, a francesa Géronime, o torneiro Pedro Clavero (Andorra) e o galego Lolo Castro, gañador do Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018

Xermade, 26 de xullo de 2024. A Xunta continúa coa súa aposta polos eventos monográficos de divulgación e de posta en valor dos oficios artesanais galegos, como é o caso da tornería de madeira. Así o manifestou a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, durante a presentación do XXIV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que se vai celebrar en Xermade os días 20, 21 e 22 de setembro, e que segundo as súas palabras constitúe unha cita de referencia deste oficio en Europa.

Durante tres días, Xermade converterase de novo nun espazo de intercambio e de aprendizaxe dirixido tanto a profesionais como a afeccionados á tornería de madeira, un evento centrado no mantemento, na recuperación e na evolución deste oficio de longa tradición en Galicia, desde o máis funcional ata o máis artístico, que conta coa colaboración da Xunta desde a súa primeira edición.

No programa de actividades contémplanse demostracións e talleres impartidos por profesionais de recoñecdido prestixio internacional, mostra de pezas dos participantes e a XVI edición da Exposición Itinerante de Madeira Torneada CONtornos, na que se amosarán pezas seleccionadas durante o Encontro de Torneiros do ano pasado.

Entre os profesionais convidados a realizar demostracións nesta XXIV edición, atópase unha representación das novas xeracións do oficio como a británica Helen Bailey ou a francesa Gérnonime; e perfís coma o de Pedro Clavero (Andorra) ou Lolo Castro, Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018 pola súa dilatada experiencia no oficio e o seu importante papel na súa divulgación e transmisión ás novas xeracións de artesáns.

Exit mobile version