Burela, 24 de xullo de 2024. Dende a Asociación de Veciños O Vencello queremos denunciar o acto vandálico perpetrado a pasada noite coa queima do banco elaborado cos restos do castiñeiro centenario de Cinoche. Lamentamos que esta peza tan singular para Burela tivera este final por mor deste feito tan ruín.
Ao fío deste triste acontecemento queremos tamén poñer de manifesto a nosa inquedanza ante o preocupante incremento de delitos no noso concello nas últimas datas. Sucesos coma a queima a do banco de Cinoche, xunto cos intentos de roubo en varios locais comerciais e de hostalaría (tamén esta pasada noite) e o recente roubo con violencia a unha muller de avanzada idade á luz do día e en pleno centro da vila, fan que exista un estado de alarma, indignación e tensión en aumento entre a veciñanza.
Por isto, queremos trasladar a nosa preocupación ao Concello e á subdelegación do Goberno en Lugo e demandámoslles que, ademais de informar da súa labor en Redes Sociais e de publicar regularmente en prensa as reunións na Xunta Local de Seguridade, artellen máis vixilancia na rúa.