A campaña enmárcase dentro da denuncia que o SLG-CCLL leva meses realizando arredor da industrialización da Tenreira Suprema dentro da IXP Ternera Gallega
Como continuación das reivindicacións que levamos realizando dende aquela, o vindeiro martes 9 de xullo, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) iniciará a campaña “Polo futuro da Tenreira Suprema e da Gandaría en Extensivo” cunha xornada divulgativa para as consumidoras, na praza de Abastos de Santiago de Compostela.
O evento comezará ás 12h:00h e contará coa intervención de persoas produtoras que afondarán no seu modelo de manexo, así como as vantaxes do seu modelo de produción en extensivo e incidirán en como lles vai prexudicar este cambio, xa que esta campaña pretende poñer o foco, tamén, nas dificultades que van atopar as granxas máis sostibles a nivel medio ambiental a raíz destes cambios. Por outra banda, repartirase un folleto informativo ás consumidoras dándolle a coñecer os cambios que se están a formular e amosarlles os distintos modos de produción que existen. A xornada finalizará ás 14:00h cunha degustación de tenreira galega criada en base a pasto.
“Moitas das granxas que actualmente marcan dentro da Tenreira Suprema, até o de agora viñan facendo a súa crianza nos pastos da granxa onde en moitos casos se suplementaba penso os animais para que acadaran un acabado dentro dos parámetros de conformación e engraxamento que xa recolle a marca. Non se entende porque non habendo problemas neste sentido coa conformación e engraxamento dos animais, agora a maioría do pleno da IXP condena a moitas granxas con esta medida de estabular os animais nos últimos meses da súa vida, supondo un gasto económico moi alto a unhas granxas que en moitos casos non dispoñen destes tipos de instalacións e nun sistema de produción. No lugar de basearse nos recursos da granxa, foméntase a compra de pensos e insumos co encarecemento que isto vai ter para estas granxas”, denuncia Brais Álvarez, coordinador do Sector da Carne no SLG-CCLL. “Vemos con fonda preocupación a perda do elemento diferenciar que esta modificación supón dentro da Tenreira Suprema, xa que moitas veces o que aprecia o propia persoa consumidora é o modelo de produción máis sostíbel e social que hai detrás destas granxas”, engade.
Por todo iso, dende o SLG defendemos que mentres os tenreiros acaden a conformación e engraxamento que esixe a marca, non se discrimine os mesmos polo seu xeito de crianza, e menos que se penalice precisamente os que a día de hoxe son a imaxe da marca, aquelas granxas que crían os seus animais en liberdade e conservan o territorio con esta práctica.
A pesar de que dende a Xunta de Galicia non recoñecen a dimensións dos cambios na IXP Ternera Gallega, para o Sindicato Labrego Galego entendemos que “un cambio que afecta o modelo de produción e neste caso obriga a un determinado manexo non é un cambio menor”, insiste Brais Álvarez, e por iso que o SLG xa recorreu diante da Xunta esta modificación e esixe que se teña en conta. “É un cambio maior e polo tanto o competente para determinar a idoneidade do cambio non sería a Consellería se non a UE”, aclara o coordinador do Sector da Carne do SLG.
Máis cambios na IXP
Como maneira de mostrar o noso rexeitamento os cambios que a IXP está a realizar e que suporán o peche de centos de granxas por todo o país, o vogal do SLG na IXP Ternera Gallega, Samuel Formoso, non asistiu hoxe, xoves 4 de xullo, á inauguración da nova sede do Consello Regulador: “non queremos ser parte da farsa publicitaria dun consello que na tele pon a imaxe do becerro no pasto coa súa nai e á hora da verdade obríganos a cebar os nosos xatos en instalacións pechadas”, criticou o gandeiro. Doutra banda, no número 120 do Diario Oficial de Galicia (DOG), publicado o venres 21 de xuño, recóllese a Orde do 12 de xuño de 2024 pola que se modifica a Orde do 23 de xuño de 2017, pola que se aproba “El reglamento de las indicaciones geográficas protegidas Ternera Gallega y Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia y de su consejo regulador común y se nombra el consejo regulador provisional”, é dicir, segundo esta nova normativa o nome muda de IXP de Carne de Vacún de Galicia á versión en castelán IXP Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas rexeitamos esta nova nomenclatura e defendemos o seu nome orixinal, en galego.