Site icon Crónica3.com A Mariña

O servizo de abastecemento de auga potable de Burela obtén a certificación ISO 22000 de inocuidade alimentaria

Convértese no único concello da provincia de Lugo que dispón desta certificación

Burela, 10 de xullo de 2024. A alcaldesa de Burela, Carmela López, e a conselleira delegada de Espiña & Delfín, Rosa Branca Rodríguez, recolleron esta mañá os certificados da norma ISO 22000:2018 para o servizo de abastecemento de Burela. A responsable da firma de certificación alemá TÜV Rheinland foi a encargada de facer a entrega nun acto celebrado esta mañá na sala de plenos do Concello de Burela.

Coa implantación da norma ISO 22000:2018, un estándar mundial de referencia no ámbito da seguridade alimentaria, achéganse novas garantías de calidade aos cidadáns xa que se dispón dun modelo preventivo que permite identificar, avaliar e xestionar os posibles riscos que poden afectar á calidade da auga antes de que estes cheguen á billa do consumidor.

A alcaldesa matizou que o que se busca é ir cara a un novo sistema preventivo integral. Ata o de agora, a garantía sanitaria do control da auga de consumo realizábase a posteriori, xa que cando o laboratorio de análise de control dispoñía da resultados a auga xa se atopaba dentro do sistema de distribución.

Na práctica, a implementación deste sistema preventivo ha suposto a realización de numerosas actuacións nas instalacións municipais. Así, instaláronse medidores en continuo dos principais parámetros a controlar, como o cloro e o pH. Estes medidores transmiten e documentan a evolución dos parámetros en tempo real ao longo de todo o día. En caso de detectar algunha incidencia paralízase de maneira inmediata a entrada de auga nas instalacións e emítense alertas aos dispositivos móbiles dos operarios.

Todas as instalacións do servizo contrólanse permanentemente a través de telexestión e automatización, o que permite actuacións a distancia as 24 horas dos 365 días do ano. Ademais, instaláronse sistemas de antiintrusión para previr actos de vandalismo ou sabotaxe e realízanse campañas preventivas de control de pragas.

Carmela López explicou que a certificación “é o colofón a un traballo entre Espiña & Delfín e as autoridades municipais que sitúa ao noso concello ao máis alto nivel de esixencia, rigor e exhaustividad no concernente á auga potable”.

Pola súa banda, Rosa Branca Rodríguez asegurou que “tras empezar a traballar neste concello en 1998, e despois de realizar numerosas actuacións nas instalacións municipais, é un orgullo poder obter esta certificación para o servizo de augas de Burela”.

Plan de melloras

O concelleiro de obras e servizos, Ramiro Fernández, destacou que grazas ao forte investimento realizado ao longo de todos estes anos o rendemento da rede é do 88 %, moi superior ao 80 % esixido pola Xunta de Galicia. Estes datos de eficiencia sitúan a Burela nun posto de vangarda a nivel autonómico. E que co novo plan de melloras que acaba de aprobar o consistorio executaranse obras por valor de 328.756 euros para os dous próximos anos.

Exit mobile version