A iniciativa do SEVA, máis de cen persoas do mundo da Cultura Galega apoian o Manifesto a prol da restauración do topónimo Alfoz do Castrodouro. Este texto, elaborado e impulsado pola Xunta Directiva do SEVA co obxectivo de procurar o apoio de persoas significadas no eido cultural, especialmente do ámbito filolóxico, vén de circular profusamente por universidades e centros de investigación.
Do mesmo xeito, galegos e galegas implicados en todas as disciplinas artísticas mostran o seu apoio para que o Concello de Alfoz recupere a súa denominación histórica.
Entre o centenar de persoas asinantes figuran o investigador histórico Antón Meilán, o músico “Mero” d’A Quenlla, as escritoras Helena Villar Janeiro e María Reimóndez, a actriz Isabel Risco, os músico Grande Amore e Xoán Eiriz, o novelista Suso de Toro, o escultor Caxigueiro, o debuxante Xosé Lois “O Carrabouxo” ou o polifacético Xurxo Souto.
Do mesmo xeito, persoas da comarca natural do Valadouro como os escritores Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xesús Pisón, Ramón Reimunde, Lionel Rexes, Miguel Vila, Pepe Peinó, Lalo F. Galán e Arturo Mogo, o actor “Cachín”, o artista plástico Xosé Blanco, a filóloga Cilha Lourenço, o músico Miro Casabella, o historiador Prudencio Viveiro, a ilustradora Xulia Pisón ou o filósofo Pedro Rubal (fillo predilecto do Concello) mostraron o seu apoio á recuperación da denominación histórica.
Nas seguintes semanas, o SEVA iniciará unha rolda de contactos con entidades sociais (colectivos culturais, asociacións lúdicas, formacións políticas…) para expoñer as motivacións que impulsan a iniciativa.