César Mogo afirma que as iniciativas que presentan os populares na Cámara Alta “son só de cara á galería co exclusivo propósito de buscar un espazo nos medios de comunicación, pero que permanecen inéditas e non son debatidas no Senado”
“O PP segue embarcado na súa estratexia contra a obra pública que está realizando o Goberno de Pedro Sánchez. Só lles interesa ocultar as grandes obras que se están a levar a cabo ou as que iniciou o actual Goberno, como o tren a Ourense, ou as obras que reanudou tras a parálise do Goberno do PP, como a A54 ou a estación Intermodal, e desviar a atención sobre as moitas débedas da Xunta coa provincia”, indica Mogo.
O Senador socialista afirma que as iniciativas que presentan os populares na Cámara Alta “son só de cara á galería co exclusivo propósito de buscar un espazo nos medios de comunicación, pero que permanecen inéditas e non son debatidas no Senado”. Mogo exemplifica que en 8 meses de actividade non debateron nin na Comisión de Transportes nin no Pleno do Senado ningunha que se refira a Lugo sobre a rede viaria de autovías e estradas que tanto din preocuparlles. Preséntanas para os medios de comunicación e unha vez rematadas as roldas de prensa, nin rastro dos senadores do PP”.
Así mesmo, lembra que a única iniciativa debatida e aprobada no Senado sobre estradas e ferrocarril foi a do Senador socialista pola provincia pola que se insta ao Goberno a manter o esforzo investidor durante os próximos anos en Lugo. “É dicir, a seguir destinando importantes recursos para estradas, autovías e ferrocarril no noso territorio”, reafirma César Mogo.
Mogo tamén lamenta que os senadores do PP lucense non interviran cando compareceu no Senado o Ministro de Transportes no Senado, malia “o moito que se queixan del, incluso anunciaron que o obrigarían a comparecer, pero nin rastro deles”.
“Este exercicio de pedir de todo ao mesmo tempo e sen reparar en gastos para despois desentenderse e non debater nada, se cadra o fan para a gloria da señora Candia, empeñada na confrontación total con todos os gobernos que non sexan os do PP e en aberta contradición coa cooperación ofrecida nos seus recentes encontros polo presidente da Xunta”, afirma o socialista. Nese sentido, indica, “cabe preguntarse, a quen serven os senadores de Lugo, ao PP de Rueda ou ao PP de Candia? Ás dúas persoas ao tempo polo que se ve non é posible”.
Mogo apunta que “chama a atención que non se deteran nin un momento en explicarnos aos veciños e veciñas desta provincia por que os senadores do PP de Lugo impediron co seu voto que no Senado se fale galego, tal e como sucede no Congreso. Na cámara que representa aos territorios e aos que falamos en galego impídesenos facelo grazas, entre outros, aos votos dos senadores lucenses”, lamenta o socialista. “Non se entende moi ben por que os deputados do PP por Lugo son discriminados polo seu partido e non participan desta presentación editorial. En todo caso, o libro do que fai a dereita por Lugo ten as follas en branco”.