Os senadores populares por Lugo formularán unha pregunta ao Goberno de España para saber se ten previsto realizar este novo acceso e, no caso de ser así, que prazos e investimento contempla
Lugo, 18 de xullo de 2024. Os senadores do PP pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- interésanse na Cámara Alta polo “segundo acceso a Ribadeo dende a autovía A-8, unha demanda recorrente dos veciños de Ribadeo e de toda a zona e que lidera o alcalde ribadense, Dani Vega”.
Concretamente, os representantes no Senado formularon unha pregunta ao Goberno de España para saber se compromete a executar esta reclamación dos ribadenses e da veciñanza dos concellos da zona; e, nese caso, saber cales son os prazos e o investimento previsto.
Os senadores subliñan que Ribadeo constitúe “unha entrada a Galicia” e, ademais, é un dos concellos máis puxantes na comarca e na provincia” polo que “agardamos que o Goberno sexa receptivo”.
Os populares explican que, na actualidade, “só hai un acceso” a Ribadeo dende a A-8 cando se circula cara Ribadeo en sentido Asturias” e inciden en que “executar un segundo acceso ofrece múltiples beneficios a curto e longo prazo en termos de mobilidade, seguridade e desenvolvemento económico que xustificarían este investimento” porque “melloraría a seguridade viaria e favorecería unha mellor redistribución do tráfico -tamén no caso de obras, accidentes ou imprevistos-.
Ademais apuntan que “non sería, a priori, dunha obra de complexa execución técnica” pois xa existe unha rotonda de conexión. O novo acceso melloraría notablemente a comunicación viaria, facilitando a comunicación das diferentes áreas, beneficiando aos residentes e negocios”.
UNHA REIVINDICACIÓN DE TÓDOLOS GRUPOS
O alcalde, Dani Vega, explica que “nos preocupa moitísimo o segundo acceso á A-8 e tamén o acceso dende a estrada de Vilela á variante” e sinala que “as infraestruturas son vitais para Ribadeo dende o punto de vista da mobilidade e do impulso económico e turístico da nosa vila”.
O rexedor popular apunta que “esta reivindicación non é nova, leva falándose desde hai moito tempo”. De feito, “o segundo acceso xa foi demandado por anteriores gobernos municipais e apoiada por tódolos grupos do pleno: o Partido Popular, o BNG e o PSOE”.
“Agardamos que, desta vez, nos fagan caso; igual que con outras reivindicacións que estamos a levar ás distintas cámaras”. Os populares tamén demandarán dende o Congreso que o Goberno rebaixe o prezo das parcelas do polígono industrial de Ribadeo porque “é fundamental para que o parque empresarial sexa un polo atractivo á inversión”.