Barreiro, Balseiro e Serrano compareceron ante os medios xunto a Candia nun almorzo informativo para facer balance da actividade neste primeiro ano de lexislatura
Lugo, 29 de xullo de 2024. Os senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- reivindicaron “un Senado en clave lucense” xunto á presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, durante un almorzo informativo no que fixeron balance da actividade no primeiro ano desta lexislatura.
“Trátase dun exercicio de transparencia e de rendición de contas diante dos cidadáns, a quen nos debemos, co compromiso engadido de que Lugo foi a provincia con maior apoio electoral para o Partido Popular de toda España, hai un ano, nas eleccións xerais”, explicaron.
Barreiro subliñou que “fomos o único partido que levou ao Senado os temas que preocupan aos lucenses”. A acción do Grupo Popular abarcou os grandes asuntos que preocupan ou interesan os lucenses tendo como fío condutor da maioría das iniciativas “a discriminación da provincia en áreas tan sensibles e estratéxicas como son as infraestruturas, a pesca, o medio rural ou a industria”.
Os populares trasladaron a súa preocupación ante “o deterioro xeneralizado que presentan todas as estradas de titularidade do Ministerio (as estradas nacionais, sen restaurar a circulación normal no viaduto do Castro) ou a falta de avances nas principais autovías de conexión co resto de Galicia e coa Meseta (Lugo-Santiago, Lugo-Ourense, Lugo- Ponferrada e a autovía da Mariña).
Os senadores tamén propuxeron medidas en favor do Lugo rural e costeiro (o sector primario, a pesca, a agricultura e a gandaría) e de apoio aos profesionais destes ámbitos.
Tamén mereceron a súa atención cuestións como a vivenda e o tecido empresarial, con iniciativas para favorecer o acceso a fondos europeos de autónomos e pemes, a crise da principal industria da provincia, a fábrica de aluminio de Alcoa “que carece do debido respaldo debido por parte do Goberno” ou a postura do Goberno sobre o proxecto de Altri para instalar unha fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei.
Igualmente, impulsaron o debate sobre a situación laboral e a dotación de medios das forzas armadas, así como o status de profesión de risco de militares, policías e axentes de aduanas.
En relación coa cidade de Lugo, os senadores interesáronse polo emprazamento, proxecto e orzamento da futura Comisaría de Policía, o convenio asinado entre Concello e Confederación para evitar asolagamentos do río Rato e avanzar no Plan Paradai, “actualmente bloqueado pola falta de entendemento destas institucións”, e sobre rehabilitación e recuperación de vivendas nos barrios de A Milagrosa e de Feijóo.
EN CIFRAS
Case 7 de cada 10 preguntas escritas formuladas polo PP no Senado non foron respondidas polo Goberno Sánchez, “a pesar de que teñen un mes para facelo, o que demostra a falta de transparencia e de rendición de contas dun Executivo ausente dos intereses dos lucenses”.
Os populares lucenses presentaron un total de 170 iniciativas no Senado -entre preguntas con resposta escrita, en Pleno ou en Comisión, interpelacións e solicitudes de documentación-. Os senadores aseguraron que “intensificaremos se cabe a nosa labor de oposición, a diferenza do bloque que sostén ao Goberno, a un PSOE que está practicamente ausente no Senado con tan só dúas iniciativas parlamentarias propias no que levamos de lexislatura”.
LEIS FEIJÓO PARALIZADAS NO CONGRESO
Os populares tamén puxeron en valor o proxecto que lidera Alberto Núñez Feijóo como “alternativa política, fronte a un Executivo só interesado na supervivencia de Sánchez, acurralado pola corrupción, derrotado nas urnas e coas mans atadas polos seus socios”.
Barreiro, portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado, lembrou en clave nacional as 12 leis Feijóo paralizadas no Congreso: ocupación ilegal de vivendas, prisión permanente revisable, recoñecemento dos funcionarios de prisións como axentes de autoridade, narcotráfico e trata de persoas, maior protección social para a Garda Civil e funcionarios de vixilancia aduaneira, talidomida, dereitos das persoas con discapacidade, baixada do IVE en servizo de peiteado e estética, lei de montes de socios, lei de costas, recuperación da bonificación das cotas patronais en Ceuta e Melilla, voto telemático nos concellos para facilitar a conciliación.
LIBRO ‘UN ANO NO SENADO’
Con “humildade e responsabilidade” presentaron tamén o libro ‘Un ano no Senado’ que recolle o balance xeral do Grupo Popular, “agardando que sirva como unha ferramenta valiosa para entender mellor o seu traballo e os desafíos aos que nos enfrontamos”.
Os populares confían en que os lucenses poidan apreciar o profundo sentido de servizo público que guía as súas accións e a firme vontade de construír un futuro prometedor para todos os españois e, en particular, galegos e lucenses.