Os deputados provinciais Antonio Ameijide e José María Fernández comprobaron xunto aos concelleiros Javier Castiñeira e Verónica Soto o estado dunhas actuacións sufragadas a través dun convenio entre o Concello e a Deputación de Lugo que sufriu 5 modificacións en 2 anos
Este é “un claro exemplo da xestión do PSOE, que gobernan en ambas institucións: unha obra que debería ser fácil e rápida, dilátase no tempo de forma que, para garantir o seu remate, custará máis a tódolos veciños de Foz e de toda a provincia”, subliña Ameijide.
O portavoz provincial apunta á “responsabilidade da Deputación de Lugo por ser a administración que máis cartos pon nesta obra” e condena que “os veciños leven dous anos sufrindo as incomodidades e inseguridades desta obra interminable” que afecta “a unha das arterias principais da vila e un dos principais accesos ás praias de Foz”.
Javier Castiñeira explica que “a rúa Irmandiños, troncal para Foz, vese moi afectada por estas obras”. O portavoz municipal advirte que “dende o PP levamos moito tempo denunciando a paralización desta obra e a día de hoxe continuamos vendo problemas como, por exemplo, coa seguridade viaria”; xa que “hai pasos de peóns elevados sen pintar nin sinalizar, fochancas e grava solta”; ademais da mestura de zonas de asfalto e zonas de formigón na mesma rúa, que non está rematada a instalación das farolas e o material da obra ocupa espazo nos parques públicos municipais e zonas de aparcamento.
“A imaxe que está a dar o Concello é moi mala”, segundo considera Castiñeira que, xunto aos deputados provinciais, traslada á Deputación de Lugo as queixas dos veciños de Foz que vén como nun momento tan importante como é o verán teñen unha das súas vías principais totalmente paradas e sendo unha fonte de perigos, unha situación á que nos trouxo este alcalde e os seus socios do BNG”.
Os populares urxen a finalizar estas obras para dar servizo canto antes en condicións de seguridade aos veciños de Foz e favorecer a mobilidade durante a temporada alta. Con todo, temen que “se alarguen outro ano máis” toda vez que “na última addenda ao convenio se establece como data límite para xustificar a anualidade que o Concello reciba da Deputación é o 30 de setembro de 2025”.