O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, explica que son numerosas as queixas porque nas últimas semanas é habitual que se apague o alumeado en varias rúas de San Bartolo
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, explica que as farolas están apagadas en tres rúas de San Bartolo, afectando a dous locais de hostalería, ao espazo recreativo desta zona e aos veciños das numerosas vivendas que hai nestas rúas. “A situación é un perigo para calquera persoa que vaia a pasear por esta zona”, sinalou.
O popular tamén fai referencia a un burato de grandes dimensións na zona que “están sen sinalizar, supoñendo outro risco para a veciñanza”. Neste senso, José Manuel Gómez Puente insta ao goberno local “a realizar os traballos de mantemento urxentes e necesarios para garantir a seguridade” xa que un burato coma este “pode supoñer un gran perigo porque os cidadáns somos curiosos e calquera pode esvarar”.
A ROTONDA SEGUE SEN ILUMINAR
José Manuel Gómez Puente recorda que segue sen acenderse a iluminación da rotonda que une as nacionais 634 e 642 en Barreiros “pese a que hai máis de dous meses que o denunciamos”.
O voceiro popular en Barreiros explica que por esta rotonda circulan a diario miles de condutores xa que estas dúas estradas nacionais son dúas das principais arterias da Mariña xa que ademais de unir esta comarca de Este a Oeste, a N-634 dá acceso a autovía A-8.
“Non desistiremos ata conseguir que recuperen a iluminación neste punto xa que trátase da seguridade da xente, un tema no que ninguén debe dubidar nin un intre e poñer todos os medios para garantir a seguridade, finalizou.