O viceportavoz, Martín Vale, explica que “esta proposta pretende ofrecer unha solución para afrontar os retos do sector turístico de Viveiro, un sector importante para a economía viveirense que precisa dunha organización que cremos que non se fixo correctamente nos últimos anos”
O viceportavoz popular, Martín Vale, destaca “o traballo produtivo que está a realizar o PP en beneficio de Viveiro e, neste caso concreto, para mellorar a promoción turística, un sector importante para a economía viveirense que precisa dunha organización que cremos que non se fixo correctamente nos últimos anos”.
Os populares propoñían, concretamente, estudar a forma dun convenio coa UDC, xa que esta Universidade galega ten Facultade de Turismo e experiencia no desenvolvemento de plans de promoción turística. Ademais, propoñían a participación activa de tódolos grupos políticos da corporación, empresas do sector, traballadores municipais da área de turismo e estudantes mariñáns dos últimos cursos da UDC.
O popular explica que “esta proposta pretende ofrecer unha solución para afrontar os retos do sector turístico de Viveiro” e defende que “o sector precisa unha dixitalización para a toma de datos para a mellora da análise dos mesmos” e “estudar as accións de promoción para optimizar os recursos que empregamos”. Con todo isto, “o que pretendemos é liderar o eixo de acción na Mariña que é o lugar que lle corresponde ao noso concello”.
DESTINO TURÍSTICO DE REFERENCIA
Os populares lembran que “Viveiro é un destino turístico de referencia”. Nos últimos anos viñéronse desenvolvendo diferentes iniciativas, algunhas das mesmas destinadas á desestacionalización desta actividade económica e outras que xa se viñan desenvolvendo tradicionalmente.
Os concelleiros do PP entenden que “estas medidas leváronse a cabo aproveitando a inercia de actividades como a Semana Santa ou o Resurrection Fest, pero de forma un tanto descoordinada, sen marcar unha folla de ruta nin un obxectivo a medio/longo prazo”.
“Para dar un paso cara adiante no avance do noso sector turístico cremos necesario o desenvolvemento dun plan de promoción e dinamización turística plurianual, do noso concello e a súa área de influencia que contribúa a unha melloría do noso posicionamento respecto outros destinos”, sinalan.
O obxectivo do plan de promoción turística proposto polo Partido Popular sería “analizar fortalezas e debilidades da nosa oferta turística, estudando as actividades que veñen desenvolvendo ou que se poderían poñer en marcha para tratar de optimizar a marca Viveiro e conseguir no posible o máximo rendemento aos recursos empregados”.