Os populares sinalan que “en Foz está todo paralizado: as obras, o caos no tráfico é evidente e agora o caos administrativo”
Foz, 19 de xullo de 2024. O Partido Popular denuncia que “o caos chega á área de administración en Foz” porque “o Concello carece de técnicos habilitados (faltan Secretario e Interventor titulares) por decisión do señor Cajoto que parece estar máis cómodo na provisionalidade”.
O popular explica que “o Secretario está sendo substituído por unha secretaria accidental, pero esta non é a situación máis conveniente para un Concello coma Foz”. De feito, “todo isto lévanos a situacións peculiares como que o PP teña que impugnar propostas no pleno ante a falta de criterios técnicos”.
Castiñeira cre que “se debe a unha decisión clara do alcalde que prefire ter técnicos, que ademais está desatendendo as súas competencias para ocupar as de Secretario, cando o Concello dispón dunha bolsa de secretarios demandando a praza”. Pero, “Cajoto non tira da bolsa de secretarios da que dispón o Concello porque prefire a falta de técnicos para salvar as súas inxerencias en asuntos coma o da residencia”.
O portavoz do PP advirte que esta situación “non afecta só ao funcionamento do Pleno, como denunciou o PP fai días”; senón que “prexudica a veciños e traballadores porque algúns teñen pendente de cobrar reclamacións salariais e o señor alcalde se escusa botando a culpa aos técnicos que non están”.
PARÁLISE
“En Foz está todo paralizado: as obras, o caos no tráfico é evidente e agora o caos administrativo. E todo isto ten un responsable: o señor Cajoto”, conclúe Castiñeira.