Os concelleiros populares votaron en contra porque “a maioría dos gastos se dirixen a gastos correntes” e reserva unha mínima parte a investimentos e “condicionados a axudas doutras administracións”, segundo indica o informe da secretaria aos orzamentos
Durante o pleno deste xoves saíron adiante os orzamentos co voto a favor do equipo de goberno, o PSOE. Os concelleiros do Partido Popular votaron en contra porque “a maior parte do orzamento (1,9 millóns de euros que supoñen o 73%) dirixirase a gastos de persoal e gastos correntes: para pagar nóminas, facturas a empresas que prestan servizo ao Concello ou gastos en subministración enerxética, por exemplo”. Só se reserva un 16% para investimentos, pero “condicionados a que o Concello reciba axudas doutras administracións”. É dicir, “dependemos totalmente do resto de administracións e da xestión do goberno municipal á hora de tramitar axudas”.
Os populares censuran, ademais, que “o propio goberno xa reflicta nos orzamentos a súa pouca esperanza para captar investimentos ou proxectos emprendedores para Lourenzá ao prever unha cifra irrisoria de ingresos polo imposto de obras”. E “se non hai obras, non hai creación de emprego, nin dinamización económica nin asentamento da poboación”.
Os concelleiros do PP tamén lembran que “o incremento no capítulo de gastos de persoal responde, ademais de facer fronte á subida do salario mínimo interprofesional, ao deber de dar cumprimento á sentenza que condena ao Concello a pagar atrasos e intereses por non ter pagado salario recollido na Relación de Postos de Traballo (RPT)”.
E amosan a súa preocupación ante e a posibilidade de que “as contas poidan estar infladas igual que as do 2023, anualidade na que se constatou que prevían percibir máis do que finalmente ingresaron”.
A XUNTA, A ADMINISTRACIÓN QUE MÁIS INVISTE EN LOURENZÁ
Por outra banda, subliñan que “o propio goberno recoñece a través da súa proposta de orzamentos que a Xunta é a administración que máis diñeiro inviste en Lourenzá con moita diferencia”. De feito, “aporta un 25,3% (663.723,73 €) do total dos ingresos do Concello: un de cada catro euros”.