Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Barreiros insta a alcaldesa a reclamar o arranxo da estrada LU-P-0602 que dá acceso á praia de Coto e a varias explotacións agrarias

José Manuel Gómez Puente recorda que “xa denunciamos en varias ocasións” o mal estado da LU-P-0602, unha vía provincial que ten numerosas fochancas de grandes dimensións é que debería de estar en bo estado para axudar ás explotacións: “coidar o sector primario tamén é facilitarlles boas vías de comunicación”

Barreiros, 30 de xullo de 2024. Dende o PP de Barreiros “dan a benvida” ao investimento anunciado pola Deputación para o arranxo da estrada provincial LU-P-0611 “algo necesario dado o deficiente estado desta vía” pero “tamén nos vemos na obriga de recordar que hai outras estradas moi danadas e que precisan dun arranxo inmediato”.

O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, recorda outras estradas como a LU-P-0602, que dá acceso á praia de Coto e a varias explotacións agrarias e que “se atopa nun estado moi deficiente”. “Nesta estrada hai fochancas de grandes dimensións e tamén é necesario ter en boas condicións esta estrada para axudar a estas explotacións, ademais de garantir a seguridade de todos os usuarios que a empregan para ir as súas casas ou para acceder á praia de Coto”, recordou.

Neste senso, José Manuel Gómez Puente urxe á alcaldesa a que tamén reclame o arranxo desta estrada “por seguridade e para axudar ao sector primario”, ademais de insistir na necesidade de realizar o correcto mantemento de todas as vías provinciais en Barreiros “para non ter que chegar a estas situacións nas que se poñen en risco a seguridade dos condutores”.

Exit mobile version