Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP condena que “o goberno da Fonsagrada non é capaz de xestionar os recursos e intente recadar máis en taxas e impostos aos veciños”

A subida da contribución será do 60% e a do imposto de vehículos de tracción mecánica increméntase nun 50%

A Fonsagrada, 31 de xullo de 2024. O PP da Fonsagrada advirte que “o goberno local non é capaz de xestionar os recursos existentes e trata de recadar máis a través de taxas e impostos aos veciños e veciñas”.

O portavoz popular, Bernardo Niño, condena que “sexan os fonsagradinos os que rematen pagando as consecuencias da falta de control e da mala xestión económica do goberno local do PSOE”.

Niño explica que “solo en 3 subvencións perdidas por non ter presentadas as contas a tempo, o Concello deixou de percibir máis de 180.000 euros este ano”. Isto é debido, segundo o popular, “á desidia do goberno local”.

Así mesmo, o popular lembra que “o Concello nin sequera se presentou a un xuízo como parte demandada, polo que o xulgado fallou a favor do demandante”. É dicir, “pola falta de acción do goberno local, as arcas municipais teñen que facerse cargo das costas procesais e dunha indemnización de máis de 50.000 euros a un traballador por despido improcedente”.

“O goberno local non xestiona os recursos municipais e recorre á suba de taxas e impostos para aumentar a recadación”, incide. De feito, no último pleno, “a corporación aprobou cos votos a favor do PSOE e en contra dos concelleiros do Partido Popular as modificacións de varias ordenanzas fiscais reguladoras do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) ou contribución -que sobre un 60%-, o imposto de vehículos de tracción mecánica -que sobe un 50%-, o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) e o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).

Ademais, Bernardo Niño lembra que “a subida de impostos ou a non bonificación de impostos a determinadas actividades prexudica tamén o desenvolvemento económico e empresarial no noso municipio”.

Exit mobile version