Gueimunde incide en que “este goberno segue facendo as cousas mal, sen respectar os procedementos” e teme que “haxa que aprobar outro recoñecemento de débeda pola improvisación e a súa mala xestión”
Gueimunde lembra que “en maio aprobouse no pleno unha prórroga de tres meses do servizo á empresa actual in extremis -cando xa caducara a prórroga- coa condición de que o Concello sacara a licitación o servizo”. Pero, “o goberno local aínda leva os pregos de contratación o 17 de xullo, cando faltan menos de 15 días para que remate a prórroga” e “todos sabemos que o 1 de agosto, que é a data na que expira a prórroga, non estará o servizo adxudicado”.
Os populares aseguran que “é unha necesidade básica” e, precisamente por ese motivo, “hai que actuar con previsión e non abusar da empresa por desidia na tramitación por parte do bipartito local”.
O Grupo Municipal do PP advirte de posibles sobrecostes por non cumprir os prazos do procedemento. De feito, pregúntanse “como e a que prezo pensa o goberno local pagar o servizo ata que saia adxudicado o SAF a unha nova empresa”.
IMPROVISACIÓN E MALA XESTIÓN
Os populares inciden en que “este goberno segue facendo as cousas mal, sen respectar os procedementos” e advirten que “isto levaraos a saltarse de novo as normas”. É por iso polo que “aos concelleiros do Partido Popular nos preocupa que a final de ano haxa que volver aprobar outro recoñecemento de débeda pola improvisación e mala xestión do bipartito de Viveiro”.