Os concelleiros populares trasladaban esta petición ao último pleno, pero “o alcalde negouse a pesar de que seguen chegando alegacións e reclamacións fóra de prazo de veciños que non tiveron coñecemento ou tempo para formulalas previamente”
Xermade, 26 de xullo de 2024. O PP de Xermade reivindica unha “revisión máis minuciosa” do inventario de camiños municipais ante as numerosas alegacións presentadas, escaso tempo para o seu estudo e o descoñecemento do seu contido por parte de moitos veciños e propietarios”. Ademais, advirten que presenta “numerosos erros e inexactitudes: camiños mellorados con fondos públicos que non foron incluídos, catalogados como públicos camiños antigos de paso, omisión de camiños nos límites con outros municipios ou ubicación e nomes de lugares incorrectos”.
Os concelleiros populares xa pedían no momento de abrir o prazo de alegacións ao inventario de camiños municipais que o goberno local facilitase máis información e tamén propuxeron no último pleno abrir outro prazo de alegacións e expoñer o documento e os mapas en cada parroquia; pero “o alcalde negouse a pesar de que seguen chegando alegacións e reclamacións fóra de prazo -rematou a finais de xuño- porque os veciños e veciñas non tiveron coñecemento ou tempo para formulalas previamente”.
“O rexedor socialista nin sequera se preocupou por alegar nos casos nos que segundo o inventario son camiños públicos, pero sobre o terreo están plantados a eucaliptos”, explica Riveira. Así, tamén se negou a incorporase ao documento as alegacións que se están presentando fóra de prazo e restou importancia aos erros porque, segundo o alcalde, “é un documento aberto que se pode modificar cada ano”.
O documento foi aprobado inicialmente polo Pleno o 13 de maio cos votos a favor do PSOE e en contra do PP “por non consultar cos veciños afectados”. Os populares advirten que “no inventario aprobado de forma inicial existen erros e inexactitudes, ademais de numerosos camiños que non cumpren cos criterios indicados polo alcalde para considerarse camiño público como que comecen e rematen nun camiño, lugar ou servizo público. Algúns rematan en fincas privadas e hai casos nos que se reflicten dúas opcións: camiño antigo de paso e camiño novo con actuación municipal”.
Ademais, critican que “se empregara como base o Catastro que data de 1956, un rexistro administrativo creado para servir de base impoñible de tributos; en lugar de calquera outro acordo documentado ou, incluso, o inventario de bens e balances municipais no que se recolle información sobre os camiños nos que actuou o Concello e, polo tanto, se entende que son da súa titularidade”.
O ALCALDE EVITA VOTAR A FAVOR OU EN CONTRA
Antonio Riveira tamén manifestou a súa condena ao feito de que “o alcalde, coa convocatoria do pleno, cambiou a nosa iniciativa dunha moción a un rogo” porque implica que “non se vota” e, polo tanto, “o equipo de goberno non se posicionou nin a favor nin en contra”.