Foi descuberta nunha escavación financiada polo Goberno galego no 2017 e presenta unha inscrición interpretada como un Crismón arcaico
O fragmento é parte dunha cunca e presenta no seu fondo un grafito con sete liñas incisas radiais, interpretadas como a representación dun Crismón arcaico, segundo figura na memoria da intervención. Neste sentido, constituiría o achado máis antigo indicativo da presenza do cristianismo en Mondoñedo.
Apareceu nunha escavación financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural na zona dos Castros, na parte alta da área urbana de Mondoñedo, nun contexto habitacional con abundantes fragmentos de cerámica tardía e cunha moeda que, polas súas características, parece corresponder á época baixoimperial ou comezos da medieval, entre os séculos V e VI.
O Museo do Castro de Viladonga, que depende da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, custodiaba a peza que agora cede ao Museo catedralicio de Mondoñedo, inicialmente durante cinco anos prorrogables de xeito automático por períodos iguais.