Site icon Crónica3.com A Mariña

O Mercado Medieval de Mondoñedo celebrarase entre os días 9 e 11 de agosto

Mondoñedo, 19 de xullo de 2024. A Xunta de Galicia colabora na celebración do Mercado Medieval que se desenvolverá en Mondoñedo entre os días 9 e 11 de agosto. Durante a presentación do programa, o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, gabou o traballo de organización realizado polo Concello, representado polo alcalde, Manuel Otero, e a implicación das asociacións O Pasatempo e Amigos do Mercado Medieval “para reeditar un ano máis o éxito desta festa declarada de interese turístico galego”.

A apertura dos postos do mercado está fixada para o venres ás 20.00 horas, se ben o xoves os nenos e nenas da ludoteca irán creando ambiente polas rúa da cidade e tamén se celebrará un concerto da Escola de música.

A fin de semana os postos estarán abertos desde as 11.00 horas, con demostración e venda de produtos agroalimentarios ou de artesanía, como fiandeiras, palilleiras, cantería ou coiro. Haberá arredor dun centenar de actividades, especialmente para público infantil ou familiar, entre elas animación musical, contacontos, exhibicións de cetrería ou vodas medievais. Precisamente os pregoeiros desta trixésimo segunda edición serán María Teresa Sanz e Pablo Zarzalejo, a primeira parella que se casou por este rito hai 15 anos.

Exit mobile version