Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista alerta da falla de recursos da Xunta para a contratación de socorristas

Paloma Castro reclama o aumento das partidas do goberno galego para que os concellos poidan garantir un servizo vital para o verán

Santiago de Compostela, 07 de xullo de 2024. A portavoz de Interior do Grupo Socialista, Paloma Castro, alertou hoxe da falla de recursos por parte da Xunta para a contratación de socorristas, que pon en risco un servizo “vital” para os concellos. A responsable socialista levará unha pregunta oral á última sesión plenaria antes do verán para reclamarlle ao goberno galego “vontade política” para colaborar cos concellos galegos e garantir a contratación de socorristas.

Advertiu que a situación de asfixia financeira destes concellos, que só poden aspirar a unhas axudas máximas de 40.000 euros cando localidades como O Grove ou Vigo gastan 200.000 e 400.000 euros respectivamente cada ano para contratar socorristas. Dixo que os concellos xa están “asfixiados” polas competencias que a Xunta lles descarga sen garantir as partidas orzamentarias, impide que poidan asumir o custe dun servizo básico nas zonas de baño, tanto na costa como no interior.

Explicou ademais que a tardanza na convocatoria das axudas, convocada coa temporada de verán xa iniciada, obriga ás entidades locais a asumir elas o pago deste servizo sen saber que contías percibirán do goberno galego e cantos socorristas poden contratar. Engadiu que a forma de conceder estas axudas exclúe a concellos do interior que tamén dispoñen de zonas de baño como piscinas municipais.

Urxiu á Xunta a “deixar de botarlle a culpa aos concellos” e “comezar a buscar solucións urxentes”, comezando por tomar medidas para resolver o déficit de socorristas que con toda seguridade se producirá este mesmo verán porque, dixo, “temos as mellores praias do mundo e necesitamos que sexan seguras”.

Criticou que “a Xunta con vostedes nunca é competente de nada”, pero “a realidade é que ten a responsabilidade de cooperar cos concellos para garantir a seguridade nos lugares públicos de maior concorrencia de persoas na temporada estival”.

Reclamou un esforzo por parte do goberno galego para facer do socorrismo unha profesión que pague a pena e non un traballo precario limitado a dous meses ao ano, para o que os traballadores teñen que irse examinar a Santiago e costearse unha residencia en lugares de veraneo que son “literalmente inaccesibles” nas actuais condicións.

Exit mobile version