Os representantes provinciais do BNG lembran que o proxecto conta con miles de alegacións de particulares e colectivos, que acreditan os prexuízos que esta macroplanta -na que se prevé a produción de 400.000 toneladas de celulosa – causará sobre os recursos hídricos, a biodiversidade, a actividade agrogandeira e ao patrimonio da Ulloa.
O grupo provincial nacionalista sinala a responsabilidade do Partido Popular en apadriñar, con mentiras e falsas expectativas, un proxecto que supón unha bomba ambiental na comarca da Ulloa e en aprobar leis que recortan prazos e reducen os controis aos que deberían someterse este tipo de proxectos, favorecendo os intereses de grupos empresariais por riba do interese xeral e da protección do territorio.
O BNG reitera así o posicionamento exposto no pleno do mes de marzo, na que o goberno provincial ao completo votou en contra da instalación da macropasteira en Palas de Rei.