“O BNG fixo coalición co Partido Popular, ocultándolle ao PSdeG-PSOE o sentido do voto e sen ningún tipo de argumentación técnica ou xurídica” aseveran desde o grupo socialista, que explica: “no pleno do 30 de maio o concelleiro nacionalista Simeón Neira fixo unha defensa clara e rotunda do voto a favor da proposta da mesa de contratación. No día de hoxe o tenente de alcalde nacionalista Francisco Xavier Fanego defendeu o voto en contra a pesar de non poder motivalo xuridicamente por non dispoñer dos coñecementos necesarios segundo as súas declaracións. Imos recabar información sobre este xiro de 180 grados para intentar entender a que intereses obedece que o BNG se coaligue co Partido Popular a pesar das advertencias xurídicas”.
“A asemblea do BNG estalle facendo o traballo sucio a un Partido Popular absolutamente demagóxico e nocivo despois de crear un problema de enorme calado coa xestión que elixiu na súa etapa de goberno para a residencia. Imos facer unha reflexión profunda para garantir a mellor gobernabilidade para Foz”, declaran desde o grupo municipal socialista.