Foz, 15 de xullo de 2024. O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Foz anuncia que realizará “unha reflexión profunda despois do pacto dos nacionalistas focegos co Partido Popular” porque “o PP e o BNG desoíron no día de hoxe, luns as indicacións da secretaria municipal, nas que advertía que votar en contra ou deixar encima da mesa a proposta da mesa de contratación sobre a concesión do servizo de residencia e centro de día sen unha motivación técnica supoñía un vicio de nulidade”.
“O BNG fixo coalición co Partido Popular, ocultándolle ao PSdeG-PSOE o sentido do voto e sen ningún tipo de argumentación técnica ou xurídica” aseveran desde o grupo socialista, que explica: “no pleno do 30 de maio o concelleiro nacionalista Simeón Neira fixo unha defensa clara e rotunda do voto a favor da proposta da mesa de contratación. No día de hoxe o tenente de alcalde nacionalista Francisco Xavier Fanego defendeu o voto en contra a pesar de non poder motivalo xuridicamente por non dispoñer dos coñecementos necesarios segundo as súas declaracións. Imos recabar información sobre este xiro de 180 grados para intentar entender a que intereses obedece que o BNG se coaligue co Partido Popular a pesar das advertencias xurídicas”.
“A asemblea do BNG estalle facendo o traballo sucio a un Partido Popular absolutamente demagóxico e nocivo despois de crear un problema de enorme calado coa xestión que elixiu na súa etapa de goberno para a residencia. Imos facer unha reflexión profunda para garantir a mellor gobernabilidade para Foz”, declaran desde o grupo municipal socialista.