Alfoz, 8 de xullo de 2024. A Peña Deportivista Pardo de Cela de Alfoz celebrou este domingo unha emotiva e exitosa Festa Deportivista á que asistiron unhas 140 persoas. Contou coa presenza destacada do xogador do Deportivo da Coruña Rubén López, o ex-presidente do Deportivo da Coruña, Augusto César Lendoiro e o Presidente das peñas do Deportivo, Luis Martínez. Entre os invitados tamén se atopaban a Alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda; o Primeiro Tenente de Alcaldesa, Jorge Val e o Segundo Tenente de Alcaldesa e Concelleiro de Deportes, Eliseo Lorenzo.
A xornada serviu como un encontro entre persoas de todas as partes de Galicia e veciñas e veciños do concello que puideron desfrutar dunha comida de fraternidade, destacando o espírito de unidade e deportivista.
Un dos momentos da xornada foi o agasallo do Concelleiro de Deportes, Eliseo Lorenzo, ao xogador Rubén López, cunha figura do Castelo do Castro de Ouro de Sargadelos en nome do Concello de Alfoz. Este xesto simbolizou a unión entre o concello e o club, reforzando os lazos de amizade e colaboración.
Ademais, Luis Martínez, presidente das peñas do Deportivo da Coruña, quixo recoñecer o traballo e a dedicación do anfitrión Enrique Lorenzo, entregándolle unha medalla polos seus máis de 25 anos de implicación e compromiso co deportivismo. Este recoñecemento destacou a importancia dos líderes locais no fomento do espírito deportivo.
Desde a Peña Pardo de Cela de Alfoz, queren expresar o seu profundo agradecemento a todos os asistentes e colaboradores polo éxito da xornada. “Foi un día inesquecible e cheo de emoción. Seguiremos traballando para manter viva a paixón polo Deportivo en Alfoz”, declararon os organizadores.