Terá lugar hoxe, mércores 24 de xullo, ás 20:30 no lugar dos feitos
A obra, que servía como banco para a veciñanza e turistas que visitaban a zona e gozara dunha gran repercusión, foi creada polo artista Carlos García logo de que o singular castiñeiro fora derribado en febreiro pola borrasca Karlotta. Foi inaugurada o pasado día 9 de xullo.
“Espertar hoxe coa noticia de que a árbore centenaria que foi convertida en banco, obtendo tantísima aceptación e agarimo entre a veciñanza, foi calcinada, provócame como alcaldesa unha indignación total e unha repulsa absoluta”, sinala a rexedora Carmela López.
“Se o culpable ou culpables pensan que todo vale están equivocados, e se pensan que isto é un ataque persoal ou contra o meu equipo de goberno están máis equivocados todavía”, engade.
López afirma que “este atentado, este delito de odio, non é contra nós, é contra todo un pobo, e por isto aproveito para facer unha convocatoria para concentrarnos hoxe ás 20:30 no lugar dos feitos contra os delitos de odio, porque non todo vale”.
Dende o Concello solicitan á veciñanza que acuda á concentración preferiblemente a pé, ao tratarse dunha zona con prazas de aparcamento moi limitadas. Haberá control de tráfico.