Os nenos e nenas que son usuarias de Ludiverán Alfoz poderán participar no curso de natación de 11:30 horas a 14:00 horas, integrando esta actividade nas súas xornadas de verán. Pola tarde, o curso estará dispoñible para o público xeral interesado, que poderá achegarse á piscina municipal de 16:00 a 18:00 horas.
Dende a área de Educación, Igualdade e Participación do Concello de Alfoz sinalan que esta iniciativa non só optimiza os recursos municipais, senón que tamén ofrece un servizo de calidade á comunidade. “Esta é unha excelente oportunidade para que os nosos veciños e veciñas melloren as súas habilidades de natación e gocen dun verán activo e saudable. Ademais, fomenta a igualdade de acceso a actividades deportivas e de lecer” destacou o Concelleiro de Deportes, Eliseo Lorenzo.
O Concello de Alfoz anima a todos os interesados a participar nesta iniciativa e aproveitar os beneficios dunha actividade deportiva tan completa como a natación, que contribúe ao benestar físico e mental de todas as idades.