Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclámalle ao PP que poña fin á “lei da selva” e deixe de boicotear os avances dos concellos sobre as vivendas turísticas

Alexandra Fernández acusa ao Goberno de Rueda de converter o rexistro de establecementos e actividades turísticas nun “coadoiro de VUT ilegais”

Santiago de Compostela, 7 de xullo, 2024. A portavoz de Vivenda do BNG, Alexandra Fernández, reclámalle ao Goberno do PP que abandone “a política da lei da selva” que rexe nestes momentos sobre as vivendas de uso turístico (VUT) en Galiza, e deixe de “boicotear” os pasos adiante que “con valentía” están dando concellos como o de Santiago de Compostela para regular este tipo de establecementos.

“O Goberno galego están intentando boicotear os avances dos concellos. É gravísimo que primeiro se poñan de perfil para ordenar o problema das VUT, pero aínda é máis grave que cando os concellos poñen límites a Xunta faga ouvidos xordos desas normas e inscriba as VUT ilegais”, manifesta, engadindo que “os concellos poden pór normas, pero quen ten as competencias en materia de turismo para controlar e rexistrar os establecementos é a Xunta”.

Alexandra Fernández levará ao Pleno deste semana o debate sobre a “evolución explosiva” das vivendas de uso turístico, que en apenas sete anos se incrementaron nun 4.510 %, pasando das 500 que había rexistradas no 2017 ás máis de 22.500 de hoxe en día. Un “crecemento exponencial” e sen as medidas de ordenación necesarias que, segundo denuncia, está a ter importantes consecuencias tanto nos prezos da vivenda en xeral, como na “calidade urbana” e sobre o modelo turístico. Trátase, engade, dun “problema social de primeira orde”.

Fernández interpelará ao Goberno do PP sobre esta cuestión para reclamarlle que exerza as súas competencias e adopte medidas para a planificación, control e equilibrio da presión entre o mercado residencial e o turístico. Denuncia, neste sentido, o “mecanismo de descontrol premeditado” da Xunta, que inscribe as VUT no seu rexistro sen comprobación da súa legalidade.

Critica así que os concellos que dispoñen de ordenanzas específicas que regulan este tipo de establecementos -aínda unha minoría- “non poden facelas efectivas como consecuencia da actuación da Xunta, que permite inscricións irregulares”. Isto é así porque, segundo expón na interpelación rexistrada, neste momento para dar de alta unha VUT e incorporala no Rexistro de Establecementos e Actividades Turísticas (REAT) só hai que presentar unha declaración responsable asinada polo propietario conforme cumpre as normas, “pero non a documentación que o acredite”.

Un “descontrol premeditado”, reitera, porque a Xunta do PP négase a facer o labor de vixilancia e “apenas retira do censo aquelas vivendas cunha sentenza firme, como xa ten sucedido, co TSXG resolvendo que non poden exercer sen o título habilitante”. “O REAT tense convertido nun coadoiro de vivendas ilegais”, subliña a deputada do BNG, que pide á Xunta unha revisión do censo para detectar os inmobles que non cumpren coas normas.

Alexandra Fernández destaca os problemas que está a crear o crecemento desmesurado de aloxamentos de uso turístico no acceso á vivenda, pois este tipo de inmobles está absorbendo a oferta de tipo residencial e está contribuíndo a alza dos prezos do aluguer. Ademais, agrega, a proliferación das VUT ten efectos no modelo urbano, coa expulsión da veciñanza en determinadas zonas de concentración.

Recalca, finalmente, os prexuízos da falta de planificación do sector sobre o propio modelo turístico, pois “unha zona que foi baleirada de veciños e reducida a unha área comercial ao aire libre para turistas acaba por crear contornas turísticas pobres e de baixa calidade”.

Exit mobile version