Ribadeo, 17 de xullo, 2024. Trala celebración de pleno deste martes, O BNG explica que “o goberno municipal de Ribadeo, do PP, non pode entregar por urxencia, unha hora despois de comezar o pleno, un informe impreciso e incompleto, coa pretensión de dar cobertura a gasto desbocado. E tampouco pode apelar sempre aos técnicos e técnicas do Concello para dicir que, se o BNG de Ribadeo critica a acción de goberno do PP, está a faltarlle ao respecto ao persoal do concello”.
“Neste pleno do martes 16 de xullo, asistimos a un espectáculo lamentábel por parte do alcalde de Ribadeo. Ante a necesidade de dar cobertura a un gasto xa moi descontrolado, o goberno municipal intentou introducir unha proposta de transferencia de crédito para habilitar fondos para partidas de gasto xa moi excedidas. Pero o que aínda é máis grave é que, para lograr estes fondos, o alcalde pretenda que o diñeiro orzamentado para mantemento e rehabilitación do pavillón vello (85.000€) sexa destinado a atender gasto desmesurado”.
“Coa súa variña máxica de novo convenio, ou subvención que vai conseguir porque si, argumenta que non hai ningún problema por modificar esta partida de gasto orzamentado. As máis elementais normas de intervención económica a nivel municipal voaron polos aires ante a mirada atónita de todo o mundo. Di o alcalde que pouco importa, porque cando consiga ese convenio, subvención, ou o que for, haberá máis diñeiro para o mantemento e reforma do vello pavillón. Pero o problema é que levamos escoitado non sabemos cantas promesas de convenios (Ribadeo Indiano 23, reforma hospital asilo, Ribadeo Indiano 24…) que nunca se materializan. Vai resultar que, canto máis se desboque o gasto no Concello de Ribadeo, máis van aumentar as promesas de convenios”.
“Tamén neste pleno do martes 16 de xullo acabamos comprobando que a incompetencia e as incongruencias do goberno municipal convértense en cuestións de urxencia, cando non en insinuacións veladas cara aos técnicos e técnicas municipais. Así ocorreu co asunto dunha multa que o Concello de Ribadeo vai ter que pagar por mor do espectáculo pirotécnico das festas patronais do 23. Un goberno serio e responsábel non se limita a enviar aos órganos competentes os informes de anos anteriores sen comprobar se houbo algún cambio nas condicións en que se realizaron as festas en edicións pasadas. O alcalde de Ribadeo manifestou en sesión plenaria que os fogos de artificio do ano 23 foron realizados nun emprazamento distinto ao de anos anteriores. E dese xeito non se cumprían as características detalladas no informe realizado en anos anteriores, informe que o actual goberno enviou á subdelegación do goberno”.
“Como é posíbel que o goberno municipal dera para adiante a un espectáculo pirotécnico sen a preceptiva autorización previa? Porque iso foi o que ocorreu: o espectáculo pirotécnico das festas patronais de 2023 fíxose sen autorización previa. E agora o goberno vai ter que pagar unha multa de 600€ por esa infracción”.
“Lonxe de recoñecer o erro cometido, o alcalde agochouse detrás do traballo dos técnicos e técnicas municipais de maneira ben trapalleira: se o criticamos a el, que se limitou a entregar os informes que lle deron os técnicos e técnicas municipais, estamos atacando o traballo do persoal do concello”.
“Pero quen en verdade fallou foi o propio goberno municipal: no canto de elaborar un novo informe, coas características das celebracións que foSa haber no ano 23, limitáronse a copiar os informes anteriores, que si estaban ben feitos. Proba diso é que o anterior goberno municipal non foi sancionado por algo semellante”.