“Nunha Europa na que predomina a aconfesionalidade, nun estado no que o artigo 16 da Constitución, que eles tanto defenden, afirma dito carácter aconfesional, os comentarios feitos polo goberno municipal de Ribadeo a respecto do nomeamento de Monseñor Antonio José Valín Valdés como bispo de Tui-Vigo, non son de recibo”.
“Pero que nos vai estrañar de quen con tanta desmesura dilapida o erario público? Do mesmo xeito que gasta diñeiro sen control, fai comentarios sen ter en conta todas as distintas sensibilidades e ignorando os principios básicos de convivencia democrática. Se Daniel Vega falase como un cidadán que se sinte católico, no seo da comunidade católica, empregando o taboleiro de anuncios de dita comunidade, poderían ter sentido os comentarios feitos por el e o seu goberno. Pero ditos comentarios aparecen nas redes sociais do Concello, pagadas por todos e todas nós, cidadáns e cidadás dun concello integrado nun estado aconfesional. O goberno municipal do PP, no canto de marcar distancias coa extrema dereita, aproveita a máis mínima ocasión para aparentar que, en certa medida, representa os valores máis rancios da España imperial que ostentaba baixo palio o seu poder”.
Desde o BNG de Ribadeo “cremos que se poden facer as cousas doutro xeito ben distinto. Felicitamos a Monseñor Antonio José Valín Valdés, ribadense de nación, pola súa incorporación aos labores como bispo na diócese de Tui-Vigo. Para alén do carácter confesional do cargo que ostenta, desde Ribadeo felicitámonos porque un veciño noso asuma altas responsabilidades e por iso lle desexamos o mellor dos acertos no seu labor. Ogallá saiba dar cabida ás preocupacións sociais que outros compañeiros de ministerio teñen manifestado. Ogallá saiba tamén dar pulo a novas iniciativas que se están a dar no seo da Igrexa católica para potenciar máis o uso da nosa lingua nos seus rituais”.
“Pero o BNG de Ribadeo, como tal organización política aconfesional que é, nunca usaría medios públicos para empregar unha linguaxe confesional, propia dunha parte da sociedade que, por moito respecto que nos poida suscitar, non pode suplantar á comunidade en xeral (xa se trate doutras confesións, ou simplemente se manifeste non confesional)”.