En palabras do voceiro municipal, Pablo Vizoso, “estes días os veciños e veciñas de Ribadeo estarán recibindo nos seus domicilios unha nova edición da publicación do Bloque de Ribadeo. Nela facemos un resumo do que foi este ano de goberno do PP. Un ano marcado polo despilfarro, cun gasto descontrolado que terá consecuencias a medio prazo; un ano marcado pola ineptitude, cunha apropiación constante de proxectos levados a cabo polo BNG e a improvisación; esta actitude implica desorganización, mala imaxe e gastos inútiles. Un ano, en resumo, de involución e retroceso”.
Como non podía ser doutro xeito, continúa Pablo Vizoso valorando o novo “Parladoiro”, “deixamos por escrito as nosas propostas para mellorar Ribadeo e as vidas das veciñas e veciños, que é o máis importante de todo. Falamos, tamén, dalgunhas das obras que deixamos negociadas e orzamentadas e que se foron realizando durante este ano. Estamos moi orgullosos de seguir transformando Ribadeo incluso desde fora do goberno”.
Esta publicación periódica do BNG é o resultado da posta en común, por parte de todo o grupo municipal do BNG de Ribadeo, do traballo desenvolvido durante este ano. O BNG de Ribadeo sempre cumpre coa sociedade ribadense: cando goberna e cando lle corresponde asumir labor de oposición. Mesmo neste papel somos quen de presentar alternativas serias, realizábeis e ambiciosas. Para outros quedan as andrómenas e aparentar o que non hai gastando moito máis do que hai.