Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo esíxelle ao alcalde que “deixe de presumir de facer o que non é competencia súa e atenda ao que si lle compete”

Ribadeo, 9 de xullo, 2024. O BNG de Ribadeo reclama do alcalde “que se deixe de lerias, que xa está ben de presumir de facer cousas que non lle corresponden e deixar o seu traballo sen sacar adiante. E criticámosllo por dobre motivo: que é iso de dedicar recursos do concello, recursos de todos e todas nós, a facer labores que non son da súa competencia, e de paso facer confrontación política cos teus rivais? Por outra banda, se ademais vemos ao longo dos días que o que che corresponde a ti queda sen realizar, vaia xestión do demo!”.

“Esta situación foise producindo ao longo desta semana pasada, na que puidemos comprobar como o alcalde despoltricou contra unha institución, a Deputación de Lugo, dicindo que ten os camiños sen rozar. E alí se puxo el todo garboso a presumir de que xa os limpaba el, que se sobraba el só, que el pode con todo. Con todo… menos coas vías que son de competencia municipal. A través das redes sociais estamos informando ao longo desta semana, con reportaxe gráfica incluída, da situación de abandono de varias pistas, camiños e estradas competencia do Concello de Ribadeo, que están pouco menos que a monte. Pero o garbo do alcalde pode con todo”.

“Pode con todo menos coa maleza nas pistas do Pesegueiro ou dos Fornos, en Remourelle; ou en Vilamaríz, en Vilaframil ou en Noceda, nas pistas multideporte ou no paseo das Aceas; en Covelas… O alcalde de Ribadeo está moi afanado en realizar xestións de pouca monta pero que el promociona como se non houbese un mañá. Xestións que nunca dan os seus froitos (como no caso dos 700.000€ para o Hospital Asilo). E canto máis ineficaces son as súas xestións, máis balbordo ten que xerar e aparentar que é moito o que fai. Incluso usando indebidamente medios públicos para a súa promoción política persoal”.

“Mentres, as veciñas e veciños das parroquias e da vila, cos camiños sen limpar”.

Exit mobile version