Fran Cajoto engade que “non vale todo en política. Os intereses particulares ou dun partido político non están por encima do interese xeral. Pídolle ao Partido Popular que volva á normalidade: o que non imos facer en ningún caso é prevaricar. Agardaba unha oposición propositiva, de altura. A herdanza que nos deixou o señor Castiñeira solicitando no ano 2017 á Xunta a xestión da residencia, asegurando que o custo para o Concello ía ser de cero euros, é envelenada. Pero a desfachatez de criticar a quen intenta solucionar a maraña administrativa que nos deixou pasa todo límite”.
O alcalde de Foz explica que “o 18 de maio do ano 2023 o Partido Popular aproba en pleno, xunto ao resto da corporación, o estudio de viabilidade para o novo contrato de xestión da residencia, no que se establecen os prezos do servizo. Hoxe, 11 de xullo de 2024, critica e intenta torpedear a finalización do proceso de contratación que iniciamos nese pleno e ademais pretende que prevariquemos, paralizando o proceso de contratación. Isto é demencial”.
“Todos os documentos están publicados desde o minuto inicial na plataforma de contratación do Estado, dispoñibles para calquera persoa interesada, con transparencia plena e seguindo de forma escrupulosa os procedementos administrativos. Debería respectarse o traballo dos funcionarios municipais. Chégase a criticar a data dun pleno ou que un xurídico sexa capaz de facer unha valoración en 18 horas e media, non en minutos. Sexamos serios por unha vez”, destaca o alcalde.
Fran Cajoto explica tamén: “o 7 de xuño, hai máis de un mes, remitimos á conselleira de Política Social un escrito solicitando unha reunión, escrito do que non tivemos resposta. Volvemos a unha situación de bloqueo administrativo. O PP non quere que a residencia a xestione a Xunta, non quere que o Concello cumpra os compromisos que asumiu Castiñeira no 2017 e tampouco quere rematar unha contratación da que votaron a favor en maio do 2023. O que quere o Concello é axudar a aqueles usuarios que non podan costear o servizo para que ninguén se vexa fóra da residencia por non ter recursos suficientes. Somos sensibles coa situación, por iso ampliamos a contía das axudas de emerxencia social a 270.000 euros, sufragadas integramente por fondos municipais, de todos os veciños do noso concello”.