Foz, 11 de xullo de 2024. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, pídelle ao Partido Popular que respecte o traballo dos funcionarios municipais. “A falsidade nas informacións vertidas á prensa está fóra de todo límite. Pedímoslle ao señor Castiñeira que se non quere seguir sendo concelleiro nin preocuparse polo pobo que o deixe, para que o Partido Popular volva á normalidade política”, manifesta o rexedor municipal.
Fran Cajoto engade que “non vale todo en política. Os intereses particulares ou dun partido político non están por encima do interese xeral. Pídolle ao Partido Popular que volva á normalidade: o que non imos facer en ningún caso é prevaricar. Agardaba unha oposición propositiva, de altura. A herdanza que nos deixou o señor Castiñeira solicitando no ano 2017 á Xunta a xestión da residencia, asegurando que o custo para o Concello ía ser de cero euros, é envelenada. Pero a desfachatez de criticar a quen intenta solucionar a maraña administrativa que nos deixou pasa todo límite”.
O alcalde de Foz explica que “o 18 de maio do ano 2023 o Partido Popular aproba en pleno, xunto ao resto da corporación, o estudio de viabilidade para o novo contrato de xestión da residencia, no que se establecen os prezos do servizo. Hoxe, 11 de xullo de 2024, critica e intenta torpedear a finalización do proceso de contratación que iniciamos nese pleno e ademais pretende que prevariquemos, paralizando o proceso de contratación. Isto é demencial”.
“Todos os documentos están publicados desde o minuto inicial na plataforma de contratación do Estado, dispoñibles para calquera persoa interesada, con transparencia plena e seguindo de forma escrupulosa os procedementos administrativos. Debería respectarse o traballo dos funcionarios municipais. Chégase a criticar a data dun pleno ou que un xurídico sexa capaz de facer unha valoración en 18 horas e media, non en minutos. Sexamos serios por unha vez”, destaca o alcalde.
Fran Cajoto explica tamén: “o 7 de xuño, hai máis de un mes, remitimos á conselleira de Política Social un escrito solicitando unha reunión, escrito do que non tivemos resposta. Volvemos a unha situación de bloqueo administrativo. O PP non quere que a residencia a xestione a Xunta, non quere que o Concello cumpra os compromisos que asumiu Castiñeira no 2017 e tampouco quere rematar unha contratación da que votaron a favor en maio do 2023. O que quere o Concello é axudar a aqueles usuarios que non podan costear o servizo para que ninguén se vexa fóra da residencia por non ter recursos suficientes. Somos sensibles coa situación, por iso ampliamos a contía das axudas de emerxencia social a 270.000 euros, sufragadas integramente por fondos municipais, de todos os veciños do noso concello”.