Ribadeo, 5 de xullo, 2024. Rematou o curso coa visita de Mily, filla do prezado escultor Eduardo Rodríguez Osorio, que foi profesor do Instituto Laboral dende a súa creación en 1955 ata 1963.
A visita comezou contemplando o busto que fixo de Carlos María Rodríguez de Valcárcel, promotor do centro dende o seu cargo de ‘Director General de Enseñanzas Téncicas’, que preside o hall do instituto no que tamén se expón outro do oculista José Ramón Muiña doado pola familia de Leandro Alonso Ron.
A continuación, Roberto Rodríguez que foi alumno e profesor do centro, coa súa memoria prodixiosa foi explicando con paixón como era a vida docente en tempos de Osorio apoiándose nas fotos antigas que lle axudaron a recuperar a Alfonso Piñeiro para convertelas en memoria visual da historia do Instituto. Destacou a importancia do Paraninfo no que ilustres conferenciantes como Dámaso Alonso, Gerardo Diego, Álvaro Cunqueiro e Antonio Fernández Cid entre outros, participaron en magníficos actos culturais. Xa na aula do segundo andar onde impartía debuxo o profesor Osorio, apreciouse a exposición do seu amigo Amando Suárez Couto, e desfrutaron no despacho de Dirección coa lectura dun “Libro da Jornada” no que se reflicte a etapa do artista e profesor en Ribadeo.
En definitiva, un día intenso e emotivo co que se completou a recente visita á Casa do Óptico, que tanta historia educativa recolle nos últimos 70 anos. Despois de servir como edifico provisional mentres se remataba a construcción do Instituto Laboral, foi sucesivamente Instituto Laboral Feminino (dende 1964); centro de Formación Profesional ata que se edificou o actual Porta da Auga, Centro de Educación Permanente de Adultos Dámaso Alonso, do que curiosamente Roberto Rodríguez foi profesor (dende 1989) e Director dende o 1991 ata a súa unificación no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e actulamente, é a sede da Escola Oficial de Idiomas.
No semisótano, hoxe Biblioteca da EOI, Osorio tiña instalado o seu obradoiro onde esculpiu as obras da súa prolífica etapa ribadense como por exemplo o busto de El Viejo Pancho realizado para a inauguración da Biblioteca Municipal en 1957, ou o de grandes amigos como Daniel Cortezón, Amando Suárez Couto, Ramón Muiña ou Dionisio Gamallo quen lle dá nome ó centro. A maioría destas obras están reunidas nunha sala adicada a Ribadeo dentro da exposición que se pode visitar no forte de San Damián ata o 17 de agosto. Leva por título “Unha viaxe no tempo a travé da Arte” e grazas a ela, alumnado do centro e numeroso público están descubrindo a obra deste gran escultor.