Site icon Crónica3.com A Mariña

Mariña Gueimunde: “A alcaldesa e o goberno municipal tratan de enganar aos viveirenses ocultando no orzamento e no convenio coa Deputación as achegas da Xunta”

Gueimunde lamenta que “a improvisación deste goberno local poña en perigo entidades como a Banda de Música Municipal ou a celebración de citas tradicionais como pode ser o Naseiro” e insta ao Concello a xestionar os permisos necesarios ante as outras administracións

Viveiro, 3 de xullo de 2024. A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, advirte do “engano aos viveirenses” por parte da alcaldesa e do goberno municipal en relación aos orzamentos municipais para este 2024 e o convenio asinado recentemente entre o Concello e a Deputación de Lugo. “Son un trampantollo” e dende o PP de Viveiro lamentan que “a señora Loureiro e o seu goberno se esforcen máis en tratar de ocultar as achegas da Xunta a Viveiro que facer unha boa xestión económica, os asuntos do día a día do Concello como resolver o problema da Policía Local e ter previsto, por exemplo, a celebración dunha Festa de Interese Turístico Nacional como é o Naseiro”.

A voceira do PP engade que “a alcaldesa insiste en ocultar as achegas da Xunta por interese político”. Gueimunde explica que “hai subvencións da administración autonómica xa resoltas que o goberno municipal non inclúe no orzamento”. Polo tanto, “se non recolle as cifras reais, o orzamento non é real. A alcaldesa e o seu goberno están mentindo”.

Os concelleiros do PP aprecian, por exemplo, que falta reflectir no documento axudas da Xunta coma a de máis de 95.000 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, 80.000 euros para o embelecemento do litoral, máis de 30.000 para vehículos de renting, 70.000 euros para a reposición do firme de camiños, máis de 73.000 euros para a mellora do punto limpo e 60.000 para a xestión de biorresiduos.

Ademais, sacan á luz as advertencias de Intervención con respecto á proposta de orzamento. Por exemplo, recomenda conter o gasto no capítulo 2 para evitar recoñecemento extraxudiciais e lembra que con cargo a este orzamento se debe asumir un por máis de 380.000 euros dos que preto de 360.000 euros afectan ao capítulo 2. Así mesmo, especifica que a partida do capítulo 4 aumentou nun 325,49% con respecto ao 2022 porque o anterior non incluía subvencións nominativas “evidenciando a falta de previsión á que nos ten acostumados este goberno local”. Este si recolle a achega do Plan Deputación que non se incluía no orzamento do 2022 e tamén as achegas da Xunta “aínda que non todas”.

Gueimunde lembra que “a situación económica do Concello é lamentable, moi deficiente” e aínda así “a comezos do mandato o BNG propoñía 4 dedicacións exclusivas”. Este ano houbo que facer fronte a unha débeda de 835.000 euros de facturas pendentes do ano 2023 que incluíron a compra de ordenadores para a parte do goberno do BNG “e a tenente de alcaldesa vén de gastar tamén na recente reforma do seu despacho”.

E “o goberno local trata de botarlle a culpa á Xunta recollendo na memoria explicativa da proposta de orzamento municipal que este experimenta unha variación pouco significativa por ingresos por transferencias correntes, principalmente da Comunidade Autónoma”; a pesar de que “o informe de Intervención explica claramente que aumenta a aportación da Xunta con respecto a anteriores anualidades”.

A MAIORÍA DOS CARTOS DO CONVENIO COA DEPUTACIÓN SON DA XUNTA

Tamén é curioso que “a alcaldesa recoñeza na documentación para solicitar un convenio coa Deputación que o Concello de Viveiro recibe 700.000 euros para a xestión do SAF dependencia”. A este respecto, condena que “trate de vender un convenio coa Deputación de Lugo ocultando que a maior parte dos cartos (máis do 62% do total e o 90% do que di poñer o Concello) os achega a Xunta” e, encima, derive cartos destinados a servizos sociais”.

“Son as outras administracións as que teñen que salvar a delicada situación económica do Concello de Viveiro froito dos continuos gastos do goberno local do que tamén forma parte o BNG”, incide a popular subliñando que “é a Xunta a que máis aporta, a pesar de que insistan en falar mal do Goberno galego”.

Os populares cren que “un claro exemplo da mala xestión económica e dos enganos aos viveirenses é que, tralo punto da aprobación do orzamento a tratar no pleno, o seguinte é para restarlle xa máis de 380.000 euros ao presuposto deste 2024. Nin máis nin menos que para pagar facturas do 2023”.

PREVISIÓN FRONTE A IMPROVISACIÓN

“Froito da improvisación do goberno local os viveirenses sufrimos consecuencias” como poden ser que “poñen en perigo citas tradicionais como as Maulas, a Feira Renacentista ou o Naseiro e a pervivencia de entidades emblemáticas coma a Banda Municipal de Música de Viveiro”.

Os populares cren que “dende o Concello se debe traballar con previsión e, no caso das festas patronais de Viveiro ou aquelas citas declaradas de Interese Turístico Galego ou Nacional, deberían estar previstas polo Concello”. É máis, dende o Partido Popular de Viveiro propoñen que “o Concello colabore coa organización de festas coma o tradicional Naseiro realizando os trámites ante as outras administracións”. Desta forma, favorecería a súa celebración ao facerse cargo dunha parte dos traballos que implica a festa.

Exit mobile version