Site icon Crónica3.com A Mariña

María Loureiro: “O concello comprométese a facer todo o posible para que se celebre o Naseiro, pero ten que haber una comisión organizadora”

É necesario que a comisión esté creada esta semana para solicitar a tempo os permisos

Viveiro, 8 de xullo. O Concello de Viveiro acolleu hoxe unha reunión entre os portavoces dos diferentes grupos políticos municipais e os técnicos xurídicos para falar da situación da Romaría de Naseiro.

O grupo de goberno quere deixar claro que fará todo o posible para que se celebre o Naseiro, “pero ten que haber una comisión de festas, como sempre houbo”.

A comisión debe estar creada ao longo desta semana, como máximo o luns 15 de xullo, para estar en prazo de solicitar todos os permisos.

“Os veciños e veciñas saben que é unha das festas coa que máis colaboramos e teñen o noso compromiso de axudarlles nos gastos e nos permisos e trámites con Augas de Galicia, pero é necesaria a creación dunha comisión organizadora”, engade a alcaldesa, María Loureiro.

O custe de redacción dos proxectos para solicitar os permisos correspondentes oscila entre os 15.000 e os 20.000 euros, que xa o ano pasado asumiu o concello.

A tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez, desminte categóricamente que fixese as declaracións as que fai referencia a portavoz do PP, Mariña Gueimunde, que asegurou que “a PSOE e BNG non lles importa que se deixe de celebrar o Naseiro, a alcaldesa non quere responsabilidades e a tenenta de alcaldesa prefire evitar o problema de que esta festa xera moito lixo e supón máis traballo”.

A tenenta de alcaldesa esixe do PP unha oposición responsable, que non se sustente no engano á veciñanza de Viveiro.

“Dende a concellería de Medio Ambiente colaborarase co Plan de Xestión de Residuos, que terá unha xestión municipal”, engade Míriam Bermúdez, que insiste en que “se colaborará e fará todo o posible para que haxa Naseiro”.

Exit mobile version