Site icon Crónica3.com A Mariña

Jonathan Grandío asume a dirección de Atención Primaria da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte

O facultativo, procedente do centro de saúde de Fingoi, substitúe no cargo a María Núñez Temes, que dirixía este nivel asistencial desde o ano 2021

Lugo, 15 de xullo de 2024. A Consellería de Sanidade vén de nomear ao doutor Jonathan Grandío Gómez como novo director de Atención Primaria da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, substituíndo no cargo a María Núñez Temes, que exercía esa responsabilidade desde o ano 2021 e que cesa a petición propia.

A nivel profesional, o doutor Jonathan Grandío Gómez procede deste primeiro nivel asistencial, unha das principais portas de entrada ao sistema sanitario público e principal garante da continuidade da atención ao longo de toda a vida do paciente. Ata o de agora, o doutor Grandío exercía como médico de familia no centro de saúde de Fingoi (Lugo), desde onde pasará a dirixir unha área estratéxica e fundamental para o Sergas, a Atención Primaria, coa misión de fortalecer e potenciar este nivel asistencial na provincia de Lugo.

Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, formouse como especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, vía MIR, no Hospital Universitario La Paz, en Madrid. Posúe un máster en urxencias e emerxencias; outro en medicina paliativa e de tratamento de soporte do enfermo con cancro e outro en administración e dirección de empresas.

O doutor Jonathan Grandío iniciou a súa carreira profesional como médico de urxencias no Hospital Universitario Ramón y Cajal (Madrid). Posteriormente, traballou como facultativo no Servizo de Urxencias do Hospital Universitario de Santiago de Compostela e no Hospital Universitario Lucus Augusti. Grandío Gómez é persoal estatutario fixo do Sergas, na categoría de médico de familia de Atención Primaria desde o ano 2019. Ata ser nomeado director de Atención Primaria da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos exercía como médico no centro de saúde de Fingoi (Lugo).

Comprometido coa Atención Primaria e implicado no seu desenvolvemento e mellora, o novo director de Atención Primaria da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte terá como obxectivos primordiais potenciar este nivel asistencial para que sexa o eixe vertebrador do sistema público de saúde, fortalecer os seus valores de proximidade, accesibilidade e equidade, e detectar todas aquelas áreas susceptibles de mellora, co fin de consolidar e fortalecer a Atención Primaria na provincia.

Fomentar a capacidade de resolución deste nivel asistencial, en coordinación cos xefes de servizo de Atención Primaria e potenciar a coordinación entre Atención Primaria e Atención Hospitalaria., para garantir unha asistencia integral, continuada e centrada nas necesidades do paciente, serán piares fundamentais do seu traballo.

Como director de Atención Primaria, Grandío Gómez asumirá, ademais, a xestión da demanda de servizos sanitarios de Atención Primaria, garantido o desenvolvemento das actuacións de promoción da saúde e prevención da enfermidade na área sanitaria lucense.

Outros dos seus principais obxectivos serán á estabilización do persoal que traballa en Atención Primaria e a captación de novos profesionais para suplir as carencias que podan existir no momento actual. Asemade, deberá executar os proxectos establecidos para este nivel asistencial; e coordinar, supervisar e avaliar todos os recursos dos centros de saúde da área sanitaria, entre outros.

Exit mobile version