A subdelegada do Goberno estivo acompañada pola directora da Área de Fomento da Delegación do Goberno, Ana Quintairos, e o director do Servizo Rexional do IGN, Pablo Carballo
Lugo, 23 de xullo de 2024. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presentou esta mañá os novos mapas provinciais do Instituto Xeográfico Nacional acompañada pola directora da Área de Fomento da Delegación do Goberno, Ana Quintairos, e o director do Servizo Rexional do ING, Pablo Carballo.
A actualización dos mapas provinciais a escala 1:200.000 recolle as modificacións nas estradas e instalacións producidas nos últimos anos, “unha versión sobre a que se leva un tempo traballando e que permitirá ter en detalle toda a información precisa a nivel xeográfico da provincia de Lugo”, subliñou a subdelegada.
No acto de presentación explicaron que os novos mapas xa están dispoñibles na páxina web do IGN para a súa descarga de balde en formato PDF, así como para a súa compra e distribución en formato papel. Isabel Rodríguez valorou “que son cada vez máis precisos para adaptarse o máximo posible á realidade, con bases de datos cada vez máis complexas que integran información sobre a toponimia, hidrografía, cartografía, etc.”
Por outra banda, subliñaron que xa foi remitida unha carta a todos os concellos e á Deputación provincial informando de que recibirán proximamente dous exemplares do Mapa Provincial de Lugo por parte da Subdirección Xeral de Cartografía e Observación do Territorio.
A subdelegada destacou que “a información xeográfica é moi demandada na actualidade”, felicitando “o gran traballo dos técnicos do IGN que elaboran con moito rigor estes documentos, utilizados posteriormente por administracións públicas e empresas”, concluíu Isabel Rodríguez.