Os concelleiros Montse Porteiro e Antonio Veiga déronlle a benvida ao alumnado, destacando a importancia desta formación para o desenvolvemento de competencias dixitais e para promover un uso responsable e consciente de Internet e das redes sociais.
Durante 30 horas de formación, que se impartirán de luns a venres en horario de 11:00 a 13:00 horas na aula CeMIT de Barreiros, a rapazada embarcarase nunha aventura interactiva na que deberán completar etapas e cumprir misións para acadar logros.
A formación, que rematará o 16 de agosto, permitiralles aprender a protexer a súa identidade dixital e adquirir novas competencias recollidas no Marco europeo de competencias dixitais DIGCOMP.
O Concello de Barreiros reafirma así o seu compromiso coa educación e a inclusión dixital, proporcionando ás mozas e mozos as ferramentas necesarias para navegar con seguridade aproveitando o mundo dixital actual.